Opinión

Sexo: preliminares, coitocentrismo e lesbofobia

Nos postulados feministas, como é lóxico, hai un constante debate co patriarcado sobre o porno. Ese porno feito por e para homes, onde as mulleres están encantadas de que as penetren por todos os orificios posibles, onde gozan cos bukakkes. Ou o que é inda máis excitante para o machismo: que non gocen e que se note a ausencia de gozo.

Deixando a un lado as fantasías totalmente lícitas de cada muller (hai moitas que gostan de xogos de rol onde son sometidas, e sempre que haxa consentimento non serei eu quen o critique, só faltaría), penso que o feminismo acerta cando fala do perigoso feito de que os adolescentes se eduquen sexualmente vendo porno. Moitas veces cren que a muller sempre está desexando ser brutalmente penetrada. E as adolescentes, claro, supoñen que é así como se fai.

Pois ben. Aínda hai algo que me preocupa moito máis que o porno. Si, ledes ben: moito máis. E falo da fase onde aínda non temos idade nin quizais curiosidade para enterarnos dos misterios do sexo.

Falo das películas e series comúns, destinadas a maiores de 13, ou a maiores de 18 pero que son “inofensivas” e que todo o mundo ve en familia. Poucas películas hai que non conteñan a típica escena sexual, ligada normalmente á tensión romántica entre xs protagonistas, case sempre home e muller. É máis, é raro que eu non perda a concentración ante tantas escenas calcadas dunha película a outra, só atendo en series como Los 100, onde sorprenden cunha relación entre a protagonista e a comandante, ou Billions, onde a prota psicóloga e o prota fiscal se divirten con xogos de dominación.

Pensemos na típica escena de película. Sota, cabalo e rei. Xs protas de súpeto bícanse e cando te queres dar conta como espectadora, o membro fálico xa está metido na muller. Pero como? Faise así? Non sei, eu teño 12 anos e non sei como é, pero estoume educando, o meu cerebro está en pleno desenrolo e imaxino que iso será o correcto. Con sorte, atoparei no camiño a algún home con experiencia ou lerei a Súper Pop ou a Nuevo Vale e aprenderei o que son os preliminares.

Pensemos na típica escena de película. Sota, cabalo e rei. Xs protas de súpeto bícanse e cando te queres dar conta como espectadora, o membro fálico xa está metido na muller

 

Preliminares. Fixémonos na propia palabra. Se se quere facer ben, pasando polo punto A para chegar ao B, o xusto e necesario para que á muller non lle manque (jo, que considerados sodes, queridos varóns), haberá que pasar polos preliminares, que tampouco están mal. Non sei, eu cuestiónome se non se lle debería chamar simplemente sexo. E tamén me pregunto se é posible non ter nada en contra do coito (a tope co coito!) e que non se conciban o 95% das relacións sexuais con coito ou sendo este o grande protagonista da nosa película realista para adultxs.

Imaxinemos que chegas, muller, a unha reunión coas amigas. Ou con amigas e amigos, que tampouco imos discriminar. Contas que te liaches, como diría La Vecina Rubia, “con el chico que te gusta”. Emoción. Entón vén a pregunta, tantas veces repetida (e recoñezo que eu a fixen mil veces): “¿Y follásteis?”.

Aquí pode haber múltiples respostas. Que nos metamos nun debate sobre se liarse implica só morreos (normalmente fálase de bicos a menos que estea eu presente, vivo anclada nos ’90 e son unha fervente defensora do substantivo morreo e do verbo morrear) ou ten que haber algo máis, polo menos unha segunda base, un “me tocó las tetas”, inda que fose por riba da roupa. Ou se liarse implica polvo. Aquí éntrase noutro debate: que é un polvo? Implica coito? Claro que implica coito! Foder, botar un polvo, ten que ser con coito (todo o grupo asinte).

Ben. E que pasa se te deitaches con outra muller? Non, soen responder, pois aquí non ten que implicar coito pero é un polvo. Porque dúas mulleres non poden practicar un coito (spoiler: si que poden. Sobre isto chamoume a atención a miña amiga bisexual Carmen e tiven que baixar a cabeza e decatarme do meu erro e dos meus propios prexuízos, que ninguén está libre deles). Pero no caso de que non haxa coito entre mulleres, como é que se lle chama foder, se en realidade se fai o mesmo que nos preliminares dunha relación heterosexual?

Eu teño a miña resposta a esa pregunta, e chámase lesbofobia. Cantas veces escoitei que as lesbianas queren ter pirola, será que se usan un xoguete non é sexo completo, ou será que non poden decidir non usar ningún xoguete. Cantas veces me contaron amigas homosexuais que se estaban liando cunha muller e apareceu algún tío para ofrecerlles un trío. Querido machote, sabes como foden dúas lesbianas? Sen ti.

No debate feminista tamén se fala da palabra virxinidade. Din que é negativa para a muller. Tamén se fala de homes virxes, neste caso é unha vergoña selo, mais para a muller ten moitísimas máis connotacións negativas. O misticismo e o sagrado da virxinidade, non ser unha calquera regalándolle a túa prezada flor a alguén que non o mereza e demais estupideces. Sexa como sexa, que é perder a virxinidade? Non mintades, todxs o estades asociando ao coito. Coito con falo. Ou polo menos todas as persoas heterosexuais.

Querido machote, sabes como foden dúas lesbianas? Sen ti.

 

E entón eu pregúntome: que pasa cunha muller lesbiana? Sigue sendo virxe porque non tivo dentro un auténtico pene varonil? Esa muller conserva unha inocencia extrema? Non pode saber facer gozar a outra muller mellor que moitos homes?

De todo isto saco a conclusión de que aínda non estamos libres da concepción sexual falocéntrica, evidentemente nada do machismo, e que non debemos avergoñarnos por dicilo e por buscar o noso propio camiño, con ou sen coito, con ou sen falos. E que conste que non teño nada en contra dos falos (a tope cos falos!).

Nota: con perdón pola transfobia, e porque neste artigo precisei usar clasificacións rápidas e sinxelas, só puxen exemplos con homes e mulleres cisxénero. Mil disculpas: xs trans existides e tamén vos gusta o sexo.

Comentarios