Opinión

Sexo, lingua e rocanrol

... que realmente todas tres, ai amigas, son a mesma cousa. Que unha miñamigha cando lle mola un perrenchón sempre di que "ten muito rocanrol". Que a lingua galega leva sexuada cando menos dende aquela camisola da Mesa. E que It's only rocanrol but I like it. It's okey, éch'o qu'hai. E deses tales tres pés do ghato imos falar na sección de Sermos que hoxe lle encetamos: Lingua Encarnada. En carne viva coma os xeonllos esfolados dos solos de ghitarra.

... que realmente todas tres, ai amigas, son a mesma cousa. Que unha miñamigha cando lle mola un perrenchón sempre di que "ten muito rocanrol". Que a lingua galega leva sexuada cando menos dende aquela camisola da Mesa. E que It's only rocanrol but I like it. It's okey, éch'o qu'hai. E deses tales tres pés do ghato imos falar na sección de Sermos que hoxe lle encetamos: Lingua Encarnada. En carne viva coma os xeonllos esfolados dos solos de ghitarra. Por que? Pois porque mo piden as/os mozas/os do Clube da Língua do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, co Sèchu de intermediario. E punto. E por certo, a partir de xa, aquí, coma no escenario, admítense peticións: [email protected]

Porque demasiado poucas veces se oen a voces das novas xeracións e demasiado muitas a de Nuevas Generaciones. Vamos, que porque xa é muito demasiado o que lles calan a boca a hostias -falando en prata, ouro, incenso e mirra- ás/aos nosos/as raparighas/os, como por exemplo o outro día en Ourense. Demasiadamente absurdos veñen sendo xa os subtítulos nos Teletubbies, para meniños/as que inda non saben ler. Que se xunten catro en demasía un día e metan a Doraemon nun saco chamado TVG2 -que xa era de máis que exiliaran a Shin-Chan por cu-chino. E que Tinky Winky leva bolso porque lle sae da ghana, que pasa? En fin, que como somos uns pasmóns peatóns, camiñamos a pé e imos dicir a cousa tal cal é, porque isto xa é demasié.

E por iso me presta tanto que a rapazada das Cruces me mande falar deses tres conceptos tan afíns a min. Por que é lóxico que pidan que lles digan do que non se lles fala, por claro imperativo neo-moxigato. Que as/os eduquemos ou os/as axudemos a se educar, vaia. Que temos que recuperar a titularidade dos nosos corpos coma con Akira Toriyama, coma nas coplas populares, nosa coma as cantigas de maldizer. E que tamén lles hai que falar das drogas, que a lingua substitúe no lema do título do libro-CD das Cruces, o xa 6.º Camballón Mix, o terceiro pé de Doraemon, a segunda metedura de pata -da- máxima do rocanrol; que na lingua, digo, está todo, todo canto desexamos, soñamos, vivimos, e que abaixo o consumismo-mecanismo e que tendo un xoghete infindo, para que máis.

Así que estas son as nosas -innegociables- reivindicacións:

Que nos devolvan o roubado! A tele para quen a apagha! TVGhata! Freedom for Doraemon! Vivan o Cruceiro Rock e o Clube de Lectura do Marco do Camballón! Non saímos do lixo! Non! Caghemos por eles se mexan por nós! Sexo, lingua e rocanrol!

Comentarios