#Sermos367: A igualdade sobre o papel

Xa está no prelo o número 367 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa a partir da noite da cuarta feira e nos quiosques a partir da quinta feira. Abrímolo cunha reportaxe sobre a primeira ordenanza de igualdade que se aproba nunha cidade galega, a da Coruña, que introduce e fixa conceptos como o empoderamento e a sororidade.  

m_montaxePortadas

A Coruña converteuse hai unha semana na primeira cidade galega en contar cunha ordenanza de igualdade. A norma ten xa un precedente na Galiza, a que aprobou en 2018 o Concello de Barbadás.  O Tema de Primeira do semanario Sermos Galiza recolle a análise de expertas e expertos sobre a ordenanza de igualdade que vén de aprobarse no concello da Coruña, un paso máis alá dos plans de igualdade que rexen no resto das urbes galegas e que introduce, ademais, conceptos da loita feminista como a sororidade, o empoderamento ou a interseccionalidade. O semanario xa está dispoñíbel na loxa e a partir da quinta feira nos quiosques.

En Opinión, as plumas de Marilar Aleixandre e Guillerme Vázquez, xunto aos cadriños da man de Tokio e Carlos Latuff. Xoán Costa publica unha nova entrega da súa sección semanal A ollo nu.

Sociedade pon o foco esta semana na reforma que marcou a fin dos grandes psiquiátricos, espazos que mantiñan as persoas con trastornos mentais severos encerradas. Deste modo, afonda no novo modelo de traballo, o cal promove a integración das persoas doentes na súa contorna e a recuperación do lazo social perdido. Porén, a falta de planificación e a escaseza de recursos asistenciais érguense como as dúas grandes eivas que sofren as persoas enfermas.

Amais, dáse conta do perigo que sofre a Gándara -espazo natural que a Xunta e Audasa pretenden converter nunha portaxe-, en Cambre, hábitat de numerosas especies vexetais e animais en perigo de extinción, a pesar de figurar no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural da Galiza ou na Infraestrutura Verde da UE, entre outras.

En Economía analizamos a presenza e o peso de Iberdrola no mapa enerxético galego, empresa que adquire un papel protagonista co feche das centrais de carbón de Endesa e Naturgy. En Política poñemos sobre a mesa a problemática da mudanza climática e a súa presenza real nas axendas dos partidos políticos. Unha lectura da campaña coa vista posta na Galiza pecha a sección.

En Internacional desprazámonos até o Palácio de São Bento para dar conta dos resultados electorais do país veciño.  

Para o Fóra de Serie rescatamos o Dicionario dos seres míticos galegos, posibelmente a primeira recollida sistemática de mitoloxía galega desde a Xeración Nós, e damos conta do vixésimo aniversario da súa publicación da man dos seus autores. Tamén conversamos coa tradutora Antía Veres, recentemente galardoada co Premio Plácido Castro de Tradución por Unha muller perdida, obra da norteamericana Willa Cather. Séguena as críticas semanais de cinema e literatura, ademais dunha camiñada que nos leva polo litoral de Dumbría, o Ézaro. Rematamos co selfie, co rostro de Olalla Liñares García e o Enreguéifate.

Esta semana asinan no Fóra de Serie Iria Veiga, Manuel Xestoso, Iolanda Gomis e Cilia Torna.

O número 367 de Sermos Galiza xa está dispoñíbel na loxa e nos quiosques.

Máis en Portadas
Comentarios