Imprimir

#Sermos345: As deputacións en xogo

Redacción | 08 de maio de 2019

Como todas as cuartas feiras, o semanario en papel Sermos Galiza chega á rotativa e faino coa ollada posta nas eleccións municipais, en que se xogan máis que as actas dos concellos. Nesta ocasión, colocamos o foco nas deputacións.

O número 345 do semanario en papel Sermos Galiza chega aos quiosques esta quinta feira, cun número que abre cunha análise ao redor da situación en que se atopan as catro deputacións e as perspectivas de cara ás eleccións do 26 de maio.

 

En Sociedade, abrimos cunha reportaxe fotográfica sobre a presentación de Nós Diario e cunha información sobre NOSA, a axencia espacial escolar galega. Continuamos con Economía, onde debullamos a situación das mutuas e das baixas por incapacidade. Tamén informamos sobre a mobilización que reclamou indemnizacións polos danos de fauna salvaxe no gando e no agro.

 

En Política consultamos con persoas expertas sobre a incidencia que poden ter os resultados do PP nas eleccións xerais nos comicios municipais e mesmo nos galegos e publicamos unha reportaxe sobre a escasa presenza de Vox na Galiza.

 

En Internacional, publicamos unha información sobre socialdemocracia e capitalismo centrada no caso sueco.

 

A respecto do Fóra de Serie, abrimos cunha nova entrega de A Galiza ignorada, que nesta ocasión recupera a figura de dona Xoana, coñecida na historiografía española como A Beltranexa.

 

Dedicamos a entrevista principal a Camilo Nogueira e publicamos as columnas de Carme Adán e de Míriam Ferradáns. Esta semana aprendemos a cociñar cachelos recheos grazas a Mercedes Espiño e coñecemos, da man do colectivo XEA, o Cabo da Cruz.

 

Ademais, Beatriz Maceda danos a coñecer a súa última obra, Lúa en Ningures, mentres que Mario Regueira e Andrés Castro analizan, respectivamente, o libro Rafael Dieste. O libre pensamento e O vicio do poder.

 

Neste número tamén publicamos unha nova entrega de Campos do terror, que dá conta do campo de concentración de Camposancos, na Guarda. O selfie protagonízao a concelleira de Deportes de Pontevedra, Anxos Riveiro, que explica como decorreu o gran mundial de tríatlon que vén de acoller a urbe.

 

En canto á opinión, publicamos artigos de María Pilar García Negro e de Xavier Queipo. Xoán Costa, pola súa banda, escribe en A ollo nu sobre os apelidos e a súa distribución xeográfica.

 

O semanario en papel dedícalle o A FONDO á elección de persoas homenaxeadas co Día das Letras Galegas, unha achega con visións críticas e tamén co posicionamento da propia Real Academia Galega, coa sinatura do seu presidente, Víctor F. Freixanes.

 

Ademais, acompaña o Sermos Galiza número 345 a publicación especial de 12 páxinas sobre Nós Diario, que reflicte parte do deseño realizado polo grafista Pepe Barro.

 

O semanario está xa á venda na loxa e a partir da quinta feira nos quiosques.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/sermos345-deputacions-xogo/20190508211535079333.html


© 2020 Nós Diario