Opinión

#Sermos344: E Galiza?

O PSOE por vez primeira resultou o gañador das eleccións xerais na Galiza. Un triunfo que deixou fanado o PP. O aumento da participación, ante o medo a un goberno de dereitas, formado coas patas de PP, Ciudadanos e Vox, resultou chave nos resultados. Uns resultados que deixan Galiza sen voz autónoma en Madrid, ao impoñerse –alén da estratexia do temor– unha campaña claramente españolizada que impediu visibilizar as propostas nacionalistas.

Malia non acadar escano no Congreso, o nacionalismo galego conseguiu duplicar os seus votos e todo apunta a que mellorará o rexistro nas eleccións municipais. O soberanismo medrou de maneira incontestábel en Euskadi e Catalunya. Á vista das cifras, a problemática nacional non se poderá agochar nin eludir. O mapa electoral demostra como a extrema dereita non logrou penetrar nas nacións sen Estado. De feito, en ningunha delas conseguiu sumar o tripartito de dereitas.

Haberá que agardar ás citas electorais do 26 de maio para que o PSOE mova ficha e dilucide a opción elixida para formar goberno. Todo apunta que elixirá facelo en solitario. Terá que demostrarlle a quen viu nas súas siglas a mellor receita para frear a dereita se realmente defende políticas socialmente xustas. Deberes non lle faltan, a comezar pola derrogación das reformas laborais –tamén da súa–, da “Lei Mordaza e da LOMCE; pola transferencia de competencias e pola cuestión territorial.

Comentarios