Opinión

#Sermos338: A revolta lilá continúa

Máis unha vez as mulleres galegas voltaron a dar unha mostra de dignidade ao ateigaren as rúas non só das cidades, senón tamén das vilas, para reivindicaren os seus dereitos con motivo do Día da Muller Traballadora. Superáronse as previsións e demostrouse que o feminismo calla no pobo. O seguimento da greve tamén foi maior que en 2008. A revolución lilá é unha realidade social, mais agora como actuar?


As formacións políticas teñen o deber de pór sobre a mesa as reivindicacións do feminismo galego para conseguir os avances en igualdade que piden as galegas. A forza imparábel do “nunca máis” á desigualdade e á discriminación de xénero en todos os ámbitos ten que acompañarse dun plan integral que protexa as mulleres do machismo e das violencias machistas e que conte con recursos económicos, sociais e xudiciais.


Son necesarias leis eficaces con medidas e orzamentos concretos en materia de dependencia para acabar co traballo invisíbel no ámbito de coidados que desenvolven as mulleres. Tamén unha reforma laboral con perspectiva de xénero que acabe coa fenda salarial, co acoso sexual, co chan pegañento e coa feminización da pobreza. En definitiva, a igualdade ten que ser prioridade política e social desde xa.

Comentarios