Imprimir

#Sermos316: 'A derradeira leición do mestre', xa está aquí

Redacción | 03 de outubro de 2018

Máis un semanario saído do prelo, con seis páxinas dedicadas a un feito a salientar: ‘A derradeira leición do mestre’ de Castelao, emblema da resistencia galega contra a barbarie fascista, está en Galiza. Aliás, reportaxes sobre o autopagamento, entrevistas a Xosé L. Méndez Ferrín, Ana Romaní e Miren Etxezarreta. Todo isto, e máis, xa na nosa loxa.

A derradeira lección, na Galiza’. A data é histórica. A partir da sexta feira 5 de outubro, A derradeira lección do mestre poderá verse por primeira vez na Galiza, 73 anos despois de que Castelao o pintase no exilio de Bos Aires. Descuberto no primeiro Día da Galiza Mártir, a imaxe do mestre asasinado cuxo rostro inspirou Alexandre Bóveda converteuse en símbolo da barbarie de Atila e da resistencia galega ao fascismo. Neste semanario adicamos seis páxinas a este feito.  Unha reportaxe de Daniel Salgado, complétase con opinión e achegas de historiadores, familiares de vítimas do franquismo ou escritores sobre unha obra chave.

 

O Museo da Limia organizou durante 2018 charlas e debates ao redor da memoria da lagoa de Antela, dragada a finais dos anos 50, e o presente da comarca. Sesenta anos depois da súa desaparición trabállase para que a súa historia non quede no olvido. ‘Lembranzas da terra da pataca’.

sg316

Nas últimas semanas sucedéronse os actos de homenaxe a un dos grandes da literatura galega, Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938), polo seu 80 aniversario. Os actos continuarán este outono. Precisamente, o Ateneo Atlántico organiza o 18 de outubro en Vigo a palestra “Ferrín e o compromiso político”. Tiramos dese fío para conversar, de vagar, sobre a súa traxectoria política e demóstranos que ten unha memoria envexábel. “A loita segue mercendo a pena”.

 

A comisión de investigación no Parlamento de Galiza sobre as consecuencias dos recortes sanitarios dos gobernos do PP na Galiza parece un deses goles que o porteiro (Feixoo, neste caso) non agarda. Unha xogada saída da coordinación da oposición (En Marea, PSdeG, BNG) que, malia a súa minoría na Cámara, tece apoios comúns e colaboracións conscientes do impacto das políticas do PP sobre a sociedade galega. ‘A oposición quer marcar o ritmo’.

 

‘A economía arxentina de novo á beira do abismo’.  O sociólogo e economista arxentino Julio C. Gambina analiza as consecuencias que para o seu país ten o “rescate” financeiro brindado polo Fondo Monetario Internacional. Gambina denuncia expresamente que as políticas de axuste condicionadas a esas “axudas” supoñen unha clara ofensiva contra as clases traballadoras e populares.

 

‘Vía Galega conmemora o 85 aniversario do IX Congreso de Nacionalidades Europeas’. A iniciativa soberanista quere reivindicar o recoñecemento oficial de Galiza como “nación europea”, dando a coñecer o empeño do nacionalismo galego de principios do século XX por lograr a asunción internacional do feito nacional.

 

Entrevistamos a  economista Miren Etxezarreta (Gipuzkoa, 1936), profesora da Universitat de Barcelona, actualmente xubilada, vén de visitar Galiza para participar nas xornadas convocadas por GUE/ NGL e promovidas pola eurodeputada Lídia Senra “O futuro das pensións. Galiza, Estado español e Europa”. “As pensións teñen que pagarse con impostos xerais”.

sg

‘De Zara a Gadis ou AP-9: unha rebelión contra o autocobro’.  “Por favor, pague nas caixas de sempre, non nas de autocobro”. A apelación das traballadoras de Lefties e Zara á clientela é unha chamada de alerta sobre un proceso que se estende por Galiza, de supermercados a autoestradas, de comercios a gasolineiras; e con consecuencias no emprego e condicións laborais.

 

Rematado en 975 e depositado na Catedral de Girona en 1078, o mapa elaborado polos monxes de Tábara certifica o carácter hexemónico da área galega no contexto político cristián. As supostas cabezas dos reinos cristiáns, segundo a historiografía españolista, non existen nesta cartografía policromada, que é asinada por unha muller como debuxante principal. ‘O beato de Girona, a Galiza do seculo X’

 

Entrevistamos Ana Romaní: “Os medios públicos galegos teñen pendente ser os medios galegos”. Vén de obter o Premio Nacional de Xornalismo Cultural. “Foi unha sorpresa moi emocionante”, admite. Que ademais chegaba nun intre difícil para a súa carreira xornalística: antes do verán, a dirección da Radio Galega decidía suprimir o formato do Diario Cultural, o espazo que, durante 28 anos, se ocupou da materia na emisora pública. “Non comparto nin o criterio nin os obxectivos nin a fórmula actual”, di, en referencia á partición e reparto da información cultural ao longo da grella radiofónica.

 

‘Arredor das serpenes na cultura galega’. O tema ao redor das serpes deu e segue a dar para moito, coas súas variantes comúns tamén a todos os pobos en contos e lendas. Asuntos aínda moi vivos na Galiza rural, a pesar de tantos novos mitos. Sobre os mitos e lendas de serpes escribe o arqueólogo e museólogo Felipe-Senén nunha nova entrega da sección Eira das Mouras.

 

E non faltan as achegas e colaboracións de Xoán Costa, David Otero, Marga Do Val, Belem Tajes, Mario Regueira, Pepe Barro, Xulio Carballo, Andrés Castro, Colectivo Xea, Montse Pena, Tokio e Nachortas.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/sermos316-xa-esta-aqui/20181003181453072572.html


© 2020 Nós Diario