Opinión

#Sermos252: Un fin de curso “moi deficiente”

Rematou o curso escolar e fíxoo con malas noticias.

Rematou o curso escolar e fíxoo con malas noticias. A poucas horas de que o alumnado collese as vacacións, a Consellaría de Educación impuña o feche do CEIP Emilio Navasqüés, en Cruceiro de Ro, Outes, e do CPI Monte Caxado das Pontes. Aliás, eliminaba a oferta educativa da ESO no CPI Tomás de Lemos en Ribadavia e suprimía dez postos docentes no IES de Celanova. Facíao con total escurantismo, tratando de ocultarlle os feches e os cambios ao persoal docente e ás familias afectadas e coa matrícula do curso 2017-2018 xa fechada. Unha falta de respecto que evidencia o desmantelamento do ensino público por parte do Goberno de Alberto Núñez Feijóo, a quen parece non importarlle a diminución da calidade educativa e quen, lonxe de se guiar por criterios sociais, segue a apostar nos mercantilistas. E os centros de ensino non son empresas.

Desde que Feijóo goberna a Xunta, o ensino público perdeu 1.750 millóns de euros. Os recortes agrávanse se temos en conta que cada ano se invisten 250 millóns en concertos educativos, incluídos nos centros de ensino que segregan o alumnado por razón de xénero. Así, o sistema educativo galego atópase sometido aos intereses do privado-concertado. Urxe un cambio de rumo, camiñarmos cara a unha lei galega de educación, centrada no país e que contemple un financiamento do ensino público que se achegue ao 7% do PIB.

Comentarios