#sermos241: cidades sen teito

Máis un número do Sermos Galiza saído do forno. Falamos das persoas sen fogar no noso país, entrevistamos Francisco Rodríguez, lembramos Paco Souto, botamos o ollar atrás aos 40 anos da loita en Xove contra a nuclear... Todo isto e máis, xa na nosa loxa.

‘O circuíto da pobreza’. Durmir á intemperie, nun caixeiro, nun soportal. Ocupar unha casa en ruínas, un edificio abandonado, unha vivenda baleira. Pasar as noites nunha pensión inmunda, nun cuarto alugado en mal estado. Andar de cidade en cidade en busca dunha cama libre nun albergue. Apoiarse na familia e nas amizades para ter un teito, un lugar onde gorecerse por un tempo da exclusión. Milleiros de persoas no país malviven en situacións similares, o que se vén denominar como persoas sen fogar. A crise económica, a falta de alternativas de vivenda e a escasa rede de protección pública multiplicaron o seu impacto nos últimos anos.

#Sg241Era o 10 de marzo de 1915. O tren correo que partira de Madrid nunca chegaría ao seu destino, Vigo. Foi ese o día en que a vida de 19 pasaxeiras e pasaxeiros rematou en Crecente, entre as estacións de Filgueira e Freira, cando no lugar de Grobas, un corremento de terras atrapou os comboios. O historiador Perfecto Ramos lembra, para Sermos Galiza, o acontecemento. ‘Sendelle, un século antes de Angrois’.

‘Ensino concertado, un modelo a suprimir (II)’.   Publicamos a segunda parte da análise do secretario nacional da CIGEnsino, Anxo Louzao, ao redor do ensino concertado cando a Xunta de Galiza vén de blindar os concertos cos centros privados, comprometendo 1.550 millóns dos orzamentos de Educación para os próximos seis anos.

Non á Xove Nuclear!

O 10 de abril de 1977, hai case corenta anos, tivo lugar a marcha contra o proxecto de Fenosa, que pretendía erguer unha central nuclear en Regodela, noconcello de Xove. A mobilización popular foi decisiva para a paralización do proxecto. Este día tamén serviu para valorar a alternativa nacional popular e, dalgún modo, certificar a súa legalización polo pobo. ‘Non a Xove Nuclear!”.

#sg241b‘Luís Villares paga portaxe por ser portavoz da Marea’. Poucas veces un dirixente político tivo que pagar unha portaxe tan onerosa por materializar un obxectivo. Luís Villares xa é o voceiro de En Marea,mais a factura que fica enriba da mesa é nen máis nen menos que agruparen fronte del o complexo formado por Anova, Podemos, Esquerda Unida e Marea Atlántica.

Prohibido relaxarse. É tempo de aproveitar que o vento comeza a soprar nas velas e que se dan condicións para avanzar. Iso é o que pensa a dirección do BNG após Palexco. O Bloque mantén o rumo, mais muda a estrutura da súa dirección. ‘BNG, unha nova dirección para avanzar canda o país’.

Colombia

Neste número incluímos unha nova entrega das crónicas a respeito da situación en Colombia após o acordo de paz asinado coas FARC-EP. “O conflito armado na Colômbia é atravessado pela violência paramilitar. Um fator chave na repressão do movimento popular e a esquerda insurgente”. ‘A paz, na mira do paramilitarismo’.

Dous puntos e apenas dous centos mil votos de diferenza. O triunfo pola mínima da progresista Alianza País, e do seu aspirante presidencial, Lenín Moreno, asegura a continuidade da “revolución cidadá” no Ecuador. A vitoria da esquerda ecuatoriana frea o ascenso da dereita neoliberal no continente após o triunfo de Macri na Arxentina e o impeachment contra Dilma no Brasil. ‘O Ecuador frea, pola mínima, o cambio de ciclo en América Latina’.

‘Avanzamos cara a un G-3 entre os EUA, Rusia e a China?’ O liderado global dos EUA fica baixo ameaza. A crecente articulación entre Rusia, China e o Irán supón unha seria ameaza á hexemonía de Washington. A administración Trump terá que escoller como disolver a poderosa alianza euroasiática. Analistas como Alfredo Jalife apuntan que o escenario máis probábel será un entendemento tripolar entre os EUA, Rusia e China. Iso, ou a guerra.

O exame da Comisión Europea sobre competitividade rexional sitúanos no posto 181 entre os 263 territorios. Danos Bruxelas unha puntuación de 36,6 sobre 100 (un suspenso), o que nos sitúa 18 puntos por baixo da media europea e son, mesmo, oito puntos menos que os que a UE nos daba en 2010. Afastámonos, pois, dos territorios con economías máis competitivas, ao tempo que perdemos capacidade de enganche en sectores fulcrais. Por que? ‘A economía lastrada’. E en Análise, a segunda parte de ‘Discriminación no traballo doc oelctivo LGTB?.

Publicamos a previa do cómic ‘Curuxa, A voz de Azazel’, de Alfonso Barreiro (Fon). E na selfie-entrevista parolamos con Patricia de Lorenzo, premio María Casares á mellor actriz. Imos até O Cebreiro para facer unha viaxe ao día a día das nosas devanceiras e devanceiros. O colectivo Xea lévanos até os castiñeiros de Fradelo, en Viana do Bolo.

Francisco Rodríguez

Profesor, escritor e investigador, Francisco Rodríguez (Serantes, Ferrol,1945) é o primeiro Premio Nacional Galiza Cultura, que outorga a federación de asociacións culturais homónima, un recoñecemento aos seus “50 anos ao servizo da cultura galega”. É todo traballo e amor á cultura de base e popular, e iso levouno a percorrer os lugares máis recónditos do país para participar en innumerábeis actividades. Antes de que teña lugar o acto de entrega do premio, o 22 de abril en Ferrol, conversamos con el sobre a súa traxectoria cultural. “Deberíanos preocupar máis a actuación social nosa que pensar que poderemos resolver o noso problema como alternativa nacionalista só utilizando mecanismos electorais, por exemplo”

‘Un legado de versos e compromiso’. A morte de Paco Souto na Percebeira, a rocha que el mesmo cantara nun dos seus máis coñecidos poemas, abaneou os alicerces da cultura na Costa da Morte e o tremor provocou réplicas de dor por todo o país.

Non faltan neste número as achegas de colaboradores. Xoán Costa, Pilar garcía Negro, Xavier Queipo, Tokio, Nachortas, Iago Varela, Marío Regueira, Andrés Castro, Manuel Esteban, Olalla Ledo, Noelia Gómez...

Máis en Só en papel
Comentarios