#sermos240: As grandes fortunas galegas

Máis un novo número saído do prelo. Falamos das perto de 7.100 persoas que contan en Galiza cun patrimonio superior aos 700 mil euros, entrevistamos Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, e Lupe Gómez, poeta; debullamos a eucaliptización que capa o territorio, falamos da realidade do lobo no noso país... Todo isto, e máis, xa na nosa loxa

O contexto político actual tenlle reservado a Galiza un rol dependente dentro da estrutura do Estado español que se manifesta, entre outros, no eido económico. A raíz dese estatus e apoiado pola propaganda consolidouse en amplas capas da poboación galega a idea de que a súa “rexión” non podería subsistir nos termos de benestar que hoxe existen sen a solidariedade do resto dos territorios do Reino de España. Mais a realidade é ben diferente: unha ollada a algúns dos indicadores máis salientábeis da economía propia revelan que esa imaxe fai augas, e moitas. Deitamos a ollada nas grandes fortunas galegas e contámoscho en ‘Eixo A Coruña-Vigo, a elite económica’.

1‘O lobo, estábel na Galiza’.  Temido, fero, endiañado e fío co que se teceu parte da mitoloxía do país e centos de contos e cantigas populares. O lobo non escapa á arquitectura nin á arte románica. É tan malvado como nolo pintaron? Realmente corre perigo? Cal é a súa situación demográfica? Mergullámonos nun mundo ateigado de estigmas.

A Consellaría de Educación asume todos os gastos dos centros concertados, que non están sometidos ao control público. ‘Ensino concertado, un modelo a suprimir (I)’.

‘Treboada na confluencia’. Todas as opcións están sobre a mesa no debate interno da Marea. Están en xogo principios tan básicos como o respeito de aquilo que votaron as bases nas primarias de xaneiro. A tensión é máxima. Os confrontos son transversais, non se explican en chave de grupo. A esta altura é difícil prever unha solución de compromiso.

“Podemos alcanzar éxitos que hai anos nin soñabamos”

Carregada de enerxía. Carregada de electricidade política. Carregada de paixón na defensa das súas ideas. Así vexo Ana Pontón (Sarria, 1977) no despacho do grupo parlamentar do BNG. Falamos da recentísima Asemblea de Palexco. En apenas un ano ao mando do Bloque, o Efeito Pontón pasou se converter no Referente Pontón. Referente dentro do Bloque e tamén fóra, no taboleiro político galego. Transmite xusto aquilo que demandou en Palexco a militancia: a determinación e a ousadía de quen non se pon límites. “Podemos alcanzar éxitos que hai anos nin soñabamos”.

SG240BNeste número incluímos a segunda achega das crónicas que a respecto da situación de Colombia após o acordo asinado entre as FARC e o goberno, que nos envía Bruno Carvalho. ‘A revolução tem voz de mulher`.

‘A UE-27 aposta na dupla velocidade para superar a súa crise’. A poucos días de que se inicie formalmente o Brexit, os restantes Estados que integran a Unión Europea aproveitaron o 60 aniversario do Tratado de Roma para escenificaren unidade e cohesión arredor dun proxecto de construción europea en situación crítica.

O XXI Seminario Internacional “Os Partidos e unha nova sociedade”, organizado polo Partido do Traballo de México no Distrito Federal, congregou máis de 450 delegadas e delegados de 150 organizacións progresistas de 40 países. No foro visouse a vontade da esquerda de seguir a avanzar nos procesos de cambio e na integración continental. ‘A esquerda latinoamericana non claudica’.

A revisión do Plan Forestal, cun proxecto de decreto de Medio Rural para regular o eucalipto sobre a mesa e cunha iniciativa popular para se organizar ante a “eucaliptización”, é unha boa oportunidade para nos deter a analizar o que esta especie supón e implica para o país ambiental, económica e socialmente. E comezamos desmontando un “mito”: a chegada de Ence a Galiza non foi o inicio da eucaliptización do noso país. ‘O eucalipto que nos capa’. En Análise adentrámonos na discriminación do colectivo LGTB no mercado laboral.

As obras de Díaz Pardo

Felipe Senén escrebe sobre ‘Os títulos das obras de Díaz Pardo’. Que se agocha detrás dos títulos das obras artísticas de Isaac Díaz Pardo? Os nomes das obras de arte poden enriquecelas con suxestións históricas, míticas ou poéticas. Explicamos o que hai detrás dos títulos cos que Isaac tratou de esquivar a censura franquista.

Non falta á cita a sección Fóra de Serie, con consellos, recomendacións e achegas. Nin o colectivo Xea, da man do que percorremos a Fervenza de Augacaída e Castro de Marce.

“A emoción como arma, arma dos pobres”.

Entrevistamos Lupe Gómez. Levaba tempo desaparecida, fóra de combate, sen escribir nos xornais nin publicar libros. Por iso unha das mellores novas deste ano foi o seu regreso ás librarías con Camuflaxe (Chan da Pólvora), un libro encolledor de almas que escribiu para a súa nai falecida. E quixemos saber dela, da súa vida camuflada, das súas cartas con John Berger e do seu Fisteus.

‘Santo Amaro ou a historia viva’. Non resulta esaxerado considerar o camposanto histórico da Coruña, Santo Amaro, o máis importante da Galiza dados os persoeiros que acubilla entre as sepulturas. Mergullámonos no interese histórico e artístico dunha necrópole construída fronte ao mar. Percorrela tamén é percorrer a historia da Galiza, pois nel fican soterrados os restos de galegas e galegos ilustres.

E tamén neste número, a achega de colaboradores, sen os que sería imposíbel. Artigos, recesións, colaboracións... David Otero, Xoán Costa, Marga Doval, o humor gráfico de Tokio e Nachortas, Mercedes Espiño, Pepe Barro, a crítica literaria de Mario Regueira e a de cinema de Andrés Castro, Noelia Gómez, Ramón Vilalta.

Máis en Só en papel
Comentarios