#sermos142: o drama de enfermar en Lugo

Un número completiño este 142. Entrevistas a Pilar García Negro e Leo Bassi, reportaxe sobre os incumprimentos no HULA, crónica a pé de rúa e flor de pel da Galiza mestiza de Bos Aires... Xa á venda na nosa loxa.

capa

‘Os servizos no Hospital de Lugo, entre promesas e incumprimentos’ centra Tema da Semana do número de 142 do semanario Sermos Galiza. Feijóo comprometeuse en 2011 a dotar o HULA dos servizos de hemodinámica, enerxía nuclear e radioterapia mais catro anos despois, Lugo continúa sen eles. Falamos cos doentes, e un artigo do coordinador Plataforma Cidadán pro Hemodinámica 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear, José Manuel Carballo Vázquez (‘En defensa da vida’), completa a información.

‘Ence entra en campaña’. O PP aposta agora na prórroga da concesión da planta papeleira, que caduca en 2018, fronte á oposición do goberno local do BNG e das plataformas veciñais, que piden o traslado para recuperar a ría de Pontevedra.

Iñigo Errejón chama a “nacionalizar” as municipais 2015 como “unha decisión estratéxica, pero tamén ética”. Os por ques desta decisión, na reportaxe ‘Podemos ou españolización da campaña’. Neste número do semanario tamén falamos dos Maios no Bierzo e como son unha manifestación da cultura galega que se mantén moi viva nesa zona.

En ‘Atrapadas pola usura’ falamos das centos de familias galegas que seguen afectadas polas cláusulas solo das hipotecas malia a sentenza do Supremo.

Crónica sentimental

“A 10.000 quilómetros de distancia, Galiza faise grande. Bos Aires recibiume cunha sensación contraditoria: a vertixe de ter cruzado un océano e saltado de hemisferio, a sorpresa de sentirme máis no mundo ca nunca viaxando a cabalo do meu país”. Eis o comezo da ‘Bos Aires: Crónica sentimental da Galiza mestiza’.

‘Arbitrar: unha afección de risco?’ escribimos que malia os últimos incidentes, os colexiados galegos consideran que os episodios de violencia eran máis frecuentes hai anos. Entrevistamos un árbitro de 19 anos, Christian Pérez: “"O peor é cando ves que os que che protestan non coñecen o regulamento".

Ás portas dun novo Día do Libro para un sector importante en termos non só culturais senón tamén económicos e sociais. Hai algo que celebrar neste 23 de abril? Responden @s implicad@s nunha reportaxe que podes ler neste #sermos142.

“Rosalía de Castro tiña que figurar nas antoloxías da literatura universal”

Na sección Textos entrevistamos Pilar García Negro. ‘No tempo de Follas novas’ (Alvarellos) é unha obra coral coordinada pola profesora e escritora. Arredor da que considera a grande obra da literatura galega, García Negro convoca un grupo de persoas do ámbito literario que propoñen textos de autores e autoras que comparten tempo con Rosalía nun singular diálogo. Publicamos un avanzo editorial deste libro.

Co colectivo XEA percorremos Valdanta, nas terras do Bolo, na media montaña entre o Macizo Central e as serras que teñen o seu cume en Pena Trevinca.

E na contra-capa, Leo Bassi, que nos confesa que "o riso é sagrado, cumpría crear unha relixión para protexer a comicidade".

Máis en Só en papel
Comentarios