Suso Seixo, secretario xeral da CIG entre 2001 e 2017

“Sermos a primeira forza sindical non é un mérito persoal, senón de centos de persoas”

Con algunha reticencia relacionada co seu propio carácter e coa certeza de que hai homenaxes que non deberan ser individuais, o que fora entre 2001 e 2017 secretario xeral da CIG, Suso Seixo (Curtis, 1952), será o protagonista do recoñecemento co que o sindicato nacionalista quere agradecerlle a súa traxectoria no eido sindical. Eis un extracto da conversa, publicada no número 331 de Sermos Galiza.

[Imaxe: Cedida] Suso Seixo
photo_camera [Imaxe: Cedida] Suso Seixo

4Cales son as súas sensacións diante desta homenaxe?

De agradecemento á dirección do sindicato por tomar a decisión de facerme a homenaxe, aínda que non gosto moito deste tipo de actos, e así llo fixen saber, pois prefiro actos de carácter colectivo porque me parece que proxectos como o da CIG son froito dun traballo de moitos centos de compañeiras e compañeiros. Creo que iso é o fundamental a pór en valor, máxime no momento no que estamos, no que se fomenta unha sociedade cada vez máis individualista. Con todo, só podo estar agradecido a ese recoñecemento.

Foi vostede secretario xeral do sindicato entre 2001 e 2017. Como estaba a CIG daquela e como quedou no momento en que deixou o cargo?

Houbo cambios moi importantes. No 2001 estabamos aínda a poucos anos do que foi o proceso de unificación da INTG e CXTG; estabamos no momento de casar o máis posíbel as dúas estruturas sindicais para crear un único proxecto o máis operativo posíbel. Eses procesos sempre levan o seu tempo e, en calquera caso, iso si que se conseguiu ao longo destes anos, non por obra da miña persoa, senón polo esforzo e traballo de todo o mundo: logramos crear unha equipa directiva moi homoxeneizada en canto ao tipo de sindicalismo a facer e en canto ao modelo sindical que queriamos que fose a CIG, e iso, coincidindo con anos de moita conflitividade, traduciuse en resultados: hoxe a CIG é a maior central sindical de Galiza, tanto en número de afiliación, con perto de 70.000 afiliadas e afiliadas, como na representación nos centros de traballo, infraestrutura, recursos humanos…

Se houbese que destacar un momento positivo, cal escollería?

Nestes anos sucederon tantas cousas que non sabería dicirche… Creo que o máis satisfactorio foi medrar até nos converter na primeira central sindical de Galiza a nivel de representación nos centros de traballo. Evidentemente, iso esixe un esforzo colectivo enorme; demostra que o modelo sindical da CIG de política antipacto social, de ser o máis coherente posíbel coa defensa dos intereses da clase traballadora, callou e é asumido por moitas traballadoras e traballadores porque, ademais, o traballo nas empresas sempre é moi complicado: á hora de se presentar ás eleccións sindicais hai represalias, ameazas de despedimento, etc, situacións nas que tivemos que dar a batalla… En circunstancias moi difíciles, con moito paro, en plena crise económica, situarnos como primeira central sindical de Galiza é unha das maiores satisfaccións.

A crise económica tivo un forte impacto na sociedade. Foi ese o peor momento?

Creo que como país e desde a perspectiva da clase traballadora, os dous momentos máis duros foron a entrada do Estado español na Comunidade Económica Europea, porque a negociación desa entrada supuxo que sectores importantes da nosa economía tiveran que renunciar e sufrir procesos de desmantelamento moi agresivos, como o naval ou o agrogandeiro. O outro momento, por suposto, foi a crise económica a partir do 2008, co que conlevou de destrución de emprego, de reformas laborais, de perda de dereitos…

[Podes ler a entrevista íntegra no número 331 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios