Sermos Galiza chega de novo aos quiosques e librarías esta sexta

Este número conta cun especial sobre a criminalización da protesta e como chegan os recortes, tamén, aos dereitos civís e ás liberdades fundamentais. Entrevistamos a Néstor Rego, ex conselleiro delegado de Sermos Galiza e actual secretario xeral da UPG, e abordamos o intento de politización do Museo de Pontevedra por parte da Deputación.

En Internacional, achegámonos até Rio de Janeiro, para coñecer tanto as posturas das grandes potencias sobre "economía verde", pero tamén para escoitar á Cúpula dos Povos, e achegamos unha nova reflexión sobre a situación postelectoral en Grecia. Analizamos a tentativa de expropiación da Finca do Espiño, un lugar de propiedade comunal, por parte do Concello de Santiago, para construír 120 vivendas de luxo. E tamén observamos cales son as medidas de varios concellos galegos para axustar o cinto.

En Economía repasamos con tres exemplos as consecuencias da reforma laboral , analízase que hai de certo nos anuncios da Xunta para conseguir carga de traballo para o naval galego. Na seccción de social, abordamos a nova reviravolta no ensino público, perpetrada por un goberno que antepón criterios economicistas aos pedagóxicos. Entrevistamos a Esther Vivas, que nos fala da importancia da soberanía alimentar para o pobo galego na loita polo autogoberno, e en Deportes achegámonos até as recentemente celebradas Olimpiadas Populares Galegas, para coñecer de primeira man a importancia dun lecer alternativo.

Entrevistamos á cantante Uxía Senlle, e preguntámonos que foi das axudas aos novos talentos do audiovisual galego. Entramos, da man das editoriais galegas, "até a cociña", para descubrir o mundo dos libros de gastronomía. E Okapi sae do Courel e visita esta semana uns cantos acuarios do país. Por último, na contraportada falamos coa porteira da selección feminina de balonmán, Alba Araújo.

Comentarios