Imprimir

O Sergas vai gastar este ano máis de 700.000 euros en capeláns para a sanidade pública

X.M.P. | 10 de febreiro de 2020

Os efectos da política de recortes en sanidade que deteriora e precariza áreas como Atención Primaria, Pediatría, Urxencias ou Psiquiatría non afecta aos servizos relixiosos nos hospitais públicos e concertados de Galiza. A partida para capeláns aumenta en 4,5% a respecto de 2019: 58.400 euros cada mes para pagar salarios e cotizacións aos capeláns que prestan asistencia relixiosa en centros sanitarios públicos.

O Sergas ten orzamentada para 2020 unha partida de 701.006 euros destinadas a persoal relixioso, unha cifra superior á que destinou á mesma finalidade en 2019 (670.185 euros). Neste 2019 son 52 as prazas de relixiosos orzamentadas: 41 a xornada completa e 11 a media xornada. Ao que engadir un creo como persoal laboral. Unha partida que ten a súa orixe no convenio que en 1995 asinara o Sergas coas dióceses galegas e polo cal o sistema público de sanidade sufraga salarios e cotizacións aos capeláns que prestan asistencia relixiosa nos hospitais públicos e concertados de Galiza.

Son gastos que figuran como “atención especializada”. Ao longo destes anos, oposición parlamentar e colectivos en defensa da sanidade pública pediron sen éxito que esa partida fose a outros destinos máis necesarios. O PP defende contra vento e maré que, en virtude daquel convenio asinado cando Romay Beccaría era conselleiro de Sanidade, eses miles de euros de diñeiro público vaian para pagar relixiosos.

As EOXI (estrutura de xestión integrada: en Galiza hai 7 que se encargan da xestión das 11 áreas sanitarias) con maior dotación ‘relixiosa’ son as de Compostela e Vigo: en cada unha, 9 capeláns: 7 a tempo completo e 2 a tempo parcial. 117.753 euros orzamentados para cada unha delas para cubiri eses servizos relixiosos.

A seguir, a zona sanitaria que abrangue o que eran as áreas sanitarias de Ourense, Verín e O Barco; e máis a EOXI de Pontevedra e O Salnés, con 8 capeláns cada unha. Na de Ourense, aliás, hai un capelán como ‘persoal laboral’ que supón 16.751 euros anuais.

A EOXI da Coruña ten 7 prazas para relixiosos (95.671 euros), o mesmo número que a de Cervo, Lugo e Monforte (outros 95.670 euros). Por último, e con 4 capeláns -2 a xornada completa e outros tantos a tempo parcial-, a área de Ferrol, cunha partida de case 44.157 euros.

En só tres anos (de 2017 a 2020) o orzamento do Sergas destinado a pagar o persoal relixioso na  sanidade pública supera osos 2,5 millóns de euros

Rexeitamento

Manuel G. Moreira, médico de familia e un dos voceiros da plataforma SOS Sanidade Pública, incidía nunha conversa con Sermos Galiza na contradición de que se destinen eses cartos a contratar servizos relixiosos para a sanidade pública “mentres desde o Sergas se xustifica o recorte de persoal en cuestións económicas. Na mesma liña expresábase Xosé Dios, médico especialista en Atención Primaria e implicado en plataformas de defensa da sanidade pública. "É anacrónico e incomprensíbel", consideraba. "Dinnos que non hai diñeiro para médicos nin para enfermería mais si que hai para pagar sacerdotes",

Contratación en función do número de camas

A contratación de capeláns, tal e como explicaba a xornalista Beti Vázquez, no nº32 do semanario Sermos Galiza (xaneiro de 2013), faise en función do número de camas. Así, por menos de 100 camas, un capelán a tempo parcial. De 101 a 250, un relixioso a tempo completo e outro a media xornada. De 251 a 500, corresponderíalle 2 capeláns a tempo completo e 1 a tempo parcial. Entre 501 e 800 camas, 3 capeláns a tempo completo. De pasar das 800 camas, entre 3 e 5 relixiosos.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/sergas-vai-gastar-ano-mais-700000-euros-capelans-sanidade-publica/20200207132956090963.html


© 2020 Nós Diario