O Sergas suma 114 camas ás UCI e contrata MIR para reforzar o persoal sanitario

Coa previsión de que o peor da pandemia do coronavirus aínda non tocou Galiza, o presidente da Xunta anunciou onte unha serie de medidas que buscan evitar o colapso do sistema sanitario con persoal e recursos, e censurou a "falta de resposta" do Goberno central pola falta de abastecemento de material de protección.
2020032020101165126
photo_camera Feixoo presidiu o consello, que foi en parte telemático.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez, Feixoo, anunciou aonte, na comparecencia posterior ao Consello, unha serie de medidas  sanitarias e económicas dirixidas "a facer fronte ao coronavirus" nun momento no que Galiza aínda está, dixo, en fase de "contención reforzada" da pandemia, ao contrario que outros territorios do Estado, o que permitirá "seguir facendo probas diagnósticas". 

"Temos que ser realistas. O peor do pico asistencial está por chegar".  Con estas palabras, e a previsión dun incremento de casos para mediados da semana vindeira e a primeira de abril, Feixoo anunciou un investimento de 52 millóns de euros, con autorización de gasto "desde xa", para a compra de material como ventiladores volumétricos para os hospitais, equipos portátiles de raios X ou mamparas para protexer os servizos de admisión de hospitais e centros de saúde.

Entre as iniciativas avanzadas cóntase o aumento de camas para as UCI, que pasan das 160 previas á pandemia ás 274 actuais, mediante a transformación de camas de reanimación. Trátase, destacou, dunha medida "crítica" que permite ao Sergas "estar dotado de momento" e que a Xunta seguirá tratando de aplicar para seguir incrementando o número "tanto no sector público como no privado".

A preguntas de Nós Diario, o presidente do Executivo galego  concretou que, segundo os últimos datos dispoñíbeis, 19 desas camas da UCI están ocupadas hoxe por persoas afectadas pola COVID-19, co que hai dispoñibilidade "para os próximos días". "Os criterios para priorizar pacientes son os adoptados polos médicos, non hai máis criterios que eses", apuntou.  

Dentro do "plan de reforzo" debullado por Feixoo cóntase unha "inxección de persoal" de 189 profesionais. Para iso, segundo avanzou, o Sergas contratará "de forma inmediata" a totalidade de persoal médico residente (MIR) de último ano, que até agora traballa con categoría de formación, como persoal facultativo especialista, un total de 158, ao que se sumarán 31 profesionais de enfermaría que están concluíndo a formación. 

A decisión de facer contrato como médicos adxuntos a MIR "bordea –segundo recoñeceu Feixoo– a legalidade, esperamos que por dentro". "É evidente que precisamos persoal e non imos esperar a maio –cando este colectivo profesional conclúe a residencia–, non imos esperar a que baixe o pico", considerou, e tamén pregou ao persoal en listas de contratación do Sergas "que sexa solidario e se incorpore cando sexa chamado". "Son imprescindíbeis para manter a resposta asistencial", subliñou.

Crítica ao Goberno central

Imprescindíbel é tamén, segundo advertiu o titular da Xunta, que o Ministerio de Sanidade atenda as peticións de material sanitario. "Hai nove días que Galiza non recibe nada. Estamos usando segundo a prioridade: urxencias, atención a domicilio e planta, pero é necesaria unha reación", censurou Feixoo, quen alertou do "atasco" do Goberno central na provisión deste abastecemento.

"É a primeira cuestión que transmitín ao presidente do Goberno e pedímolo todas as noites ao ministerio (...) Se non tivesemos depósito hoxe estariamos colapsados. Equipos de protección individual, máscaras, ventiladores... son a primeira prioridade e a Administración Xeral do Estado ten que funcionar", censurou, nunha crítica que cualificou de "crónica" .

"Se nos deixan sós na compra de material traballaremos sós", avanzou, antes de recoñecer que a Xunta está a buscar proveedores para o caso de que o ministerio levante a "prohibición".  

Nesta mesma liña, dentro do plan de reforzo económico anunciado onte, o presidente da Xunta deu conta dunha liña de 10 millóns de euros a fondo perdido para industria que poida fabricar esta clase de material e instrumental sanitario, para facilitar a súa restruturación produtiva ou loxística. A ese fin, a Axencia de Innovación Galega manterá aberto até o día 27 unha manifestación de interese aberta a este tipo de empresas, para "identificar capacidades de innovación" contra o coronavirus.  

"Se algunha industria na Galiza cre que pode fabricar ventiladores, máscaras, lentes de protección ou vestimenta adecuada  pode comunicalo e, automaticamente, a  Axencia Galega de Innovación disporá de fondos para que estas empresas poidan empezar a fabricar", detallou.

As medidas económicas inclúen tamén unha liña de "prestamos ponte" por uns 250 millóns de euros para persoas autónomas e pequenas empresas que se manterá mentres o Goberno central non desenvolve a súa liña de avais. A Xunta avalará 75% destes empréstitos.

Novo teléfono para atención psicolóxica polo coronavirus

Entre as medidas "sociais" acordadas onte cóntase a posta en marcha dun novo servizo telefónico de 
atención psicolóxica vinculado ao coronavirus, o 900400800. Empezará a atender desde a vindeira segunda feira para asistir persoas maiores, soas ou vulnerábeis, que precisen de atención psicolóxica ou acompañamento, así como para resolver dúbidas relacionadas con voluntariado ou recursos sociais. "Non é para chamadas sanitarias, senón sociais", precisou Feixoo.


En canto ao número habilitado para a información sobre o coronavirus, o 900400116, sinalou que recibe unha media de 10.600 chamadas ao día para aclarar dúbidas sanitarias. Segundo destacou, co incremento de persoal xa "practicamente desapareceron" as chamadas non atendidas e se está prestando o servizo, dixo, 
"en tempo real". 

Comentarios