A política de derivación de pacientes á sanidade privada que aplica o Sergas ten non poucos efectos colaterais. Un deles acábao de denunciar a Plataforma en defensa da sanidade pública da Mariña: o caso daqueles pacientes que, derivados a intervencións en Lugo ou A Coruña, non poden facer fronte aos gastos de desprazamento por falla de recursos económicos.
Un paciente, Fernando D. M, de Cervo, que sufriu rotura de menisco acudiu o pasado 26 de xuño a Traumatoloxía, entrando na lista de agarda para ser operado. No mes de xullo chámano do Hospital da Mariña e ofrécenlle ser intervido na sanidade privada, en Lugo ou A Coruña. “Eu non me neguei a ir á privada , simplemente expliquei que a miña situación social e económica impídeme desprazarme a máis de cen quilómetros se o Sergas non me abona os gastos de desprazamento, algo que desde o Servizo de Saúde rexeitaron”, explica o paciente a través da Plataforma.
A consecuencia da súa solicitude foi, indican, desde o colectivo de defensa da Sanidade Pública, que Fernando pasa facer parte dunha lista ‘non estrutural’ para ser operado no Hospital da Mariña. Desde a Plataforma indican que o paciente díxolles que “por riba de estar enfermo, con moita dor , con incapacidade funcional e con risco de perder o meu emprego pola longa baixa son penalizado a unha lista paralela por non dispor de recursos económicos”.