O Sergas espera novos aparellos UCI como os que enviou a Madrid

Despois de que o Goberno de Feixoo enviase 11 “aparellos UCI” a Madrid, o Sergas sinala agora que espera “equipos de ventiladores e monitores de respiración” á Galiza “na próxima semana”. Un feito que, sumado a que o hospital de Ourense buscou na sanidade privada eses equipos para ampliar a área destinada á UCI, evidencia que non sobraban os instrumentos enviados á capital española.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e a súa homóloga da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso (Europa Press)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e a súa homóloga da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso (Europa Press)

O Sergas espera “na próxima semana” a chegada de equipos de ventiladores e monitores de respiración. Así o afirmou nunha entrevista concedida á Radio Galega Antonio Fernández Campa, xerente do Sergas, que explicou que o Goberno galego trata de abastecer as necesidades dos hospitais, aínda que afirma que a dotación de material respiratorio “está en marcha” para prever “unha última fase en caso de ter que chegar a ela”.

As declaracións do xerente do Sergas evidencian que na Galiza non sobraban nin ventiladores nin monitores de respiración. De feito, o domingo pasado, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, sinalaba na súa intervención pública após a reunión telemática con Pedro Sánchez e os seus homólogos das diferentes autonomías que “apenas chegou nada desde que se decretou o estado de alarma e temos necesidades imperiosas de máis material sanitario de todo tipo: de protección, tests, respiradores, material de UCI e material de hospitalización”.

Porén, aos tres días, a través da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, coñeceuse que Galiza enviaría á capital española varios respiradores. Respiradores que eran necesarios nos hospitais galegos tal e como demostra o feito de que o Sergas espere a chegada deste material.

Despois de que Díaz Ayuso, tamén do PP, dese conta da doazón dos respiradores, o propio Feixoo tivo que admitilo e en sede parlamentar, durante a reunión da Deputación Permanente, e ante a pregunta do deputado Antón Sánchez, informou de que enviara a Madrid “11 aparellos de UCI”. “Que debo facer? Non remitir o material a Madrid cando aínda non estamos no pico?”, preguntaba Feixoo desde o estrado do Parlamento, “Que concepción temos do Estado, do país, dos pacientes?”. Tres días despois de dicir que “aínda non estamos no pico”, o xerente do Sergas informaba nesta entrevista da compra de novos ventiladores e monitores.

Por outra banda, segundo puido saber Nós Diario, o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense tivo que recorrer á sanidade privada en busca de respiradores de UCI para ampliar a área de coidados intensivos. Outra mostra máis de que os “11 aparellos de UCI” que Feixoo enviou a Madrid facían falla na Galiza.

Ademais, Álvarez Campa confirmou que as 600.000 máscaras que o Goberno galego encargara xa se atopan na planta loxística de Negreira desde este domingo. A subministración deste material chegou "despois de dúas semanas con dificultades", pero coa "colaboración de empresas" en materia de loxística e contactos para a distribución nunha "situación e medidas excepcionais" desde Zaragoza, onde o sábado aterrou un avión cargado para todo o Estado.

Precisaríase de 600 camas UCI

Ademais dos recursos para a protección, Fernández Campa falou sobre a situación dos hospitais galegos. Afirmou que Galiza non chegou ao pico de coronavirus e que os efectos do confinamento deberían verse "nos próximos días".

Con todo, un escenario que "preocupa" é o momento no que se chegue ao pico de persoas que necesitan atención sanitaria, que estima "dentro de dúas semanas". A día de hoxe, 122 persoas están na UCI e "o bo é que xa hai casos" que pasaron ás unidades de hospitalización convencional, aínda que os pacientes en UCI creceron nas últimas 24 horas outras doce persoas.

O xerente do Sergas que "no peor dos casos" necesitaranse "600 camas de UCI" e agora mesmo hai "166 operativas" e "48 dispoñíbeis" procedentes das unidades de reanimación "sen necesidade de realizar ningún outro operativo". Apunta a outras "alternativas" como utilizar "a unidade de reanimación dos centros comarcais ou os equipamentos de quirófanos", unha "planificación feita para ocupar espazos de forma racional e programada".

Comentarios