Opinión

Será compatíbel a inviolabilidade coa democracia?

Que razón poderá haber para declarar que alguén é inviolábel? Ten que ser para viralo ídolo, poñelo por riba dos humanos, e que poida facer falcatruadas sen que ninguén teña dereito a cuestionalo. E a quen pode favorecer iso? Aos que se valen do ídolo para facer fortunas e situarse nas alturas.

Declarar a alguén inviolábel equivale a dicir que hai quen nace superior ao resto da humanidade, por sangue e familia, ou vira suprahumano por merecemento, e nesa crenza está implícito que ese nacemento superior ou merecemento foi decretado polos deuses. As ideas democráticas tiveron sempre que loitar contra esa corrente falsamente relixiosa que apoia a tiranía e fai pensar que todo o que sucede no mundo é porque os deuses o queren, co que reducen os humanos a escravos e fantoches. Segundo esa corrente, moi adentrada nas mentes e nos corazóns polo sistema autoritario que rexe a sociedade desde tempos inmemoriais, os que gañan as guerras fano porque así o queren os deuses, e os que someten a xente tamén, aínda que sexa con torturas e asasinatos. É como se os deuses premiasen a pillaxe, a malfeitoría e o abuso.

Nos tempos de Franco, no Estado español usouse a idolatría de base “relixiosa” para xustificar o abuso de poder. O papel de Franco foi facer que todo volvera ao rego e esmagar o espírito democrático que viñera coa Segunda República e que ameazaba con quitarlle o poder e o diñeiro aos que mandaban en España desde a Inquisición. Para iso, o que se fixo foi santificar o exterminio co que se conseguiu impor o réxime franquista e sacralizar o propio Franco paseándoo baixo palio coa bendición dunha xerarquía eclesiástica que non cría no que predicaba e non quería renunciar ao poder e ás riquezas que conseguira grazas á tamén santa Inquisición.

O conxunto de países que se chamaba España era, antes dos Reis Católicos, un lugar normal cunha economía que funcionaba. Os Reis Católicos destruíron todo para que tivesen poder absoluto a monarquía, a Igrexa e unhas poucas familias. E así seguiu desde aquela. A continuidade “do de sempre” reforzouse nos tempos de Franco traendo de volta unha monarquía que a xente non quería e que fora rexeitada en tempos da República. Cando Alfonso XIII marchou do país dixo que o facía para evitar a guerra, pero todo o que sucedeu semella probar que marchou logo de negociar que traerían de volta os Borbóns despois de Franco. Se os Borbóns fosen algo patriotas non terían colaborado con Franco. En vez diso, enviaron ao agora rei emérito para que fose educado polo franquismo e a Igrexa, e aprendera ben o que había que facer para conservar o trono. E cando morreu Franco volveu a instalarse o de sempre disfrazado de democracia e presidido por un rei que se vendera ao franquismo e que, polo que se foi vendo, aspiraba a ter igual poder que Franco e roubar igual que o ditador. O menos que se pode pedir dos reis é que entendan que o país non é unha facenda que lles pertence e que poden usar para facer diñeiro. Se pensan así é que son máis como mafiosos defendendo o seu “territorio”que outra cousa, e como tales terían que ser tratados.

O “programa” que instalaron os Reis Católicos inseriu moi fondo a idea e o sentimento de que a monarquía é máis cristiá que calquera outro réxime político. Pero a inviolabilidade non só non é democrática, senón que non é cristiá. Cristo, que para os cristiáns tería que ser o modelo, podería se ter declarado inviolábel e ter vivido como un ídolo. Mas semella ter feito e dito o contrario, e que mesmo non se deixou convencer polo demo cando este lle recordou que podía facer uso do poder que tiña e imporse a todos.

Anticristiá foi a Inquisición e anticristiáns e antidemocráticos foron a Guerra Civil e o réxime de Franco. Canto máis poder teña unha persoa ou unha institución, máis deberá estar sometida a escrutinio continuo para que unha democracia poida funcionar. E calquera réxime político que permita que haxa inviolábeis e aforados non será nen democrático nen cristián. Será unha teocracia ou unha idolocracia disfrazada de democracia.

Comentarios