Opinión

Ser ou non ser (To be or not to be)

Aínda que nos topamos en medio da segunda onda da pandemia da COVID-19 (ignorada polo noso presidente autonómico), esta vez non me referirei a ela. Penso que nas cálidas noites do verán galego (polo menos até o día 15 de agosto), o acontecemento político máis chamativo foi a fuxida do rei emérito Juan Carlos I ao Golfo (nunca mellor dito) Pérsico. Por iso, gústame lembrar a W. Shakespeare, porque creou iconas universais que permanecen no tempo, Hamlet, Macbeth, que retoman as lendas británicas, célticas ou atlánticas pousadas nos primeiros compases da Idade Media. Unha etapa histórica onde tamén xurde a monarquía (feudal, absoluta, constitucional) tal e como a coñecemos hoxe. Unha institución regulada por espermatozoides e óvulos, marcadamente sexista, que considera aos territorios e ás persoas un dominio, unha posesión ou unha masa silenciosa que consinte.

Se a unha persoa desprovista de coñecementos xeográficos, históricos ou políticos lle preguntasen que país posúe entre os seus Xefes de Estado dos últimos cen anos, tres que morreron no exilio (un como Alfonso XIII abandonando as súas múltiples amantes e lugares de esmorga no interior, dous como Alcalá-Zamora e Azaña por republicanos), un responsable de asasinatos en serie durante o seu mandato e o último ex que remata de fuxir, moitos pensarían en Haití, en Bolivia ou na Guinea, pero non, estamos diante doutra das expoñentes da Marca España, que sempre tivo trazos de estado falido. O Estado Español, a pesar de que os seus máximos representantes o neguen, ten un problema crónico coa Xefatura do Estado. O principal nestes momentos, a existencia dunha monarquía outorgada, que fixo o posible por mudar de réxime sen moitos cambios de fondo, a cambio de que el Rei fixese o que lle petase. Sospeitase incluso que evadiu os impostos que debía abonar polos dereitos de sucesión do patrimonio paterno, o que debera ser considerado o colmo para un monarca, mesmo emérito.   

Dito todo isto, tendo en conta os recentes enquéritos de opinión e constatando a popularidade que o actual rei Felipe VI acada en territorios tan significativos como Catalunya, cabería deducir que “España mañana será republicana”. Pero non vai ser así e cumpre analizar algúns dos porqués. O fundamental, e así o explicou maxistralmente o meu colega X.M. Núñez Seixas nun especial de televisión, consiste en que non se defende un mesmo modelo de república, unha vez se supere a monarquía. Non é o mesmo a república catalá de ERC que posicións moito máis unitaristas desde sectores de IU ou de independentes. Volvemos ao escenario de 1873, cando Pi i Margall defendía un réxime moi distinto que Castelar. Aínda máis, dese entón asistimos ao agromar dun sentimento nacional forte en Catalunya, Euskadi e Galiza, co que cómpre preguntarse se só é posible falar dunha España republicana, se esta se conforma a partir dunha constitución plurinacional, que respecte o dereito de autodeterminación dos pobos. Por iso, a confrontación tópase nestes momentos entre o bloque monárquico (PSOE, PP, Ciudadanos, VOX), autonomistas ou non, e os republicanos, con lecturas moi diversas sobre qué República (española, galega, etc.) e que estruturación interna dos territorios nunha realidade plurinacional. Así, hoxe estanmos en crise (gramsciana) entre o vello que se resiste a morrer e o novo que non agromou.

Para rematar debo partir dunha afirmación, a República é boa por si mesma. É o goberno responsable dos cidadáns, independentemente de óvulos e espermas cualificados. As persoas son as depositarias da soberanía, as responsables colectivas de escoller ben ao Xefe do Estado, e de salvagardar os valores e identidade do territorio. Por iso, desde as forzas sociais e políticas das nacións do Estado Español cumpriría situar en primeiro plano o debate republicano. O normal é demandar unha república catalá, vasca ou galega, seguindo exemplos de bo funcionamento como en Portugal ou en Irlanda (liberados en distintos momentos de reinos poderosos), pero ao mellor tacticamente procurar unha unidade de acción a partir de mínimos con outros republicanos, cos que desexan a substitución da monarquía en Madrid ou en Andalucía sería unha opción correcta, porque o fin dos Borbóns é unha vitoria en si mesma. Lembramos o que fixeron Castelao e os galeguistas nos anos 1930 para convencernos de que a táctica pode conducir a un cambio de réxime, e logo pensaremos na construción de nacións de cidadáns soberáns, polo tanto republicáns.

Comentarios