Opinión

Ser do Celta é un deporte de alto risco

O venres en Balaídos comprobei dúas cousas vitais para entender o sufrimento no fútbol.

O venres en Balaídos comprobei dúas cousas vitais para entender o sufrimento no fútbol. Por un lado, dá igual que o Celta vaia gañando 4-2 na casa, en Balaídos non se deixa de sufrir até que o árbitro decide que o encontro rematou, sexa con 4-2 ou con 6-0 no marcador. Pero, ademais, para facelo máis interesante, o Celta colleu o costume últimamente de comezar os partidos perdendo. Digo eu que esta 'táctica' será para darlle máis emoción aos partidos, porque se non non entendo esta nova afección dos xogadores do Celta polo estaxanovismo. Sempre traballando arreo, sen descando e duplicando os esforzos.

Até os límites da tolemia

E por outro lado, e máis importante, o fútbol é, definitivamente, o deporte de máis alto risco para o espectador. Resulta que teño eu un veciño en Balaídos que é sufrido o señor, que de 90 minutos berra desaforadamente 89. Que vive o fútbol até límites da tolemia e que, ademais de ser do Celta, é do Madrid, causa de risco máximo. Pois o sábado o home deunos un bo susto. Non contra o Valencia ou Osasuna, nin sequera no último partido da pasada tempada. nun día maiormente plácido para o celtismo, cando quedaban tres minutos para o final do encontro o meu veciño sentiuse mal, pegou un berro deses e quedou exhausto no asento, case sen alento. Como se lle pasaran por riba unha ducia de cabalos. Así, medio aturdido e como se o corazón mesmo lle fora a saír do peito. Por uns segundos tanto el como o resto dos que estamos ao seu carón puxémonos brancos como o leite do susto que levamos. Felizmente, a cousa quedou nunha anécdota, viñeron os servizos de asistencia, o home tranquilizouse e para o final do encontro xa recuperara os folgos e a cor.

Como pasa con moitas outras cousas, o fútbol tamén hai que levalo con tranquilidade e velo coma é, un espectáculo marabilloso que hai que consumir con moderación

Estou segura de que anécdotas coma esta cóntanse por milleiros todas as fines de semana, pero até que non o ves de preto non es moi consciente do malísimo que pode chegar a ser para a saúde isto do fútbol. Como pasa con moitas outras cousas, o fútbol tamén hai que levalo con tranquilidade e velo coma é, un espectáculo marabilloso que hai que consumir con moderación. Que os xogadores non se empeñasen en nadar a contracorrente partido tras partido tamén axudaría a levar o asunto con máis paciencia e menos sufrir. Pero como iso parece imposible, mellor facerlle caso aos sabios consellos dunha nai, que sempre recomenda ir ao fútbol xa desestresados e ben merendados. Polo que poida pasar.

Comentarios