Opinión

Ser Deputada

Eu son deputada. Vivimos nun momento onde isto é sinónimo de cualificativos terríbeis. Por iso moitas veces téñome preguntado: que é iso de ser deputada?, como explico o meu traballo? Traballo, para o que, como moitas outras cousas na vida, non hai un manual. 

Eu son deputada. Vivimos nun momento onde isto é sinónimo de cualificativos terríbeis. Por iso moitas veces téñome preguntado: que é iso de ser deputada?, como explico o meu traballo? Traballo, para o que, como moitas outras cousas na vida, non hai un manual. 

"O máis difícil e doloroso é cando estou fronte a un grupo ou unha asemblea de traballadores/as no que o seu emprego pende dun fío e o meu papel consiste en pouco máis que levar a súa voz ao Parlamento, presentar propostas alternativas e obrigar ao goberno a dar a cara" 

Podo enumerar actividades como atender a varias áreas sectoriais que no meu caso abranguen temas como industria, benestar, igualdade ou turismo. Varias comarcas para levar ao Parlamento o seus problemas concretos e locais, xuntanzas con colectivos, traballadores/as, afectados por recortes, tertulias, debates en radios e televisión -curiosamente agás na televisión e radio públicas deste país-, preparación de comisións ordinarias, de plenos, das ponencias das leis, das comparecencias en comisións extraordinarias... En fin, un non parar que un bo amigo sempre sentenza con moito cariño como “demasiado traballo que non vale para nada”. Cada vez que o escoito sei que é o que moita xente opina. Para min o máis difícil e doloroso é cando estou fronte a un grupo ou unha asemblea de traballadores/as no que o seu emprego pende dun fío e o meu papel consiste en pouco máis que levar a súa voz ao Parlamento, presentar propostas alternativas e obrigar ao goberno a dar a cara. Aínda que moitas veces eles e elas non poidan asistir ao Pleno, sempre lles envío o vídeo coa resposta do goberno para que vexan e escoiten o que este afirma; esta práctica non é novidosa: outros compañeiros e compañeiras tamén o fan. De feito, creo que esta é a maior obriga que temos.

Así, neste contexto de tentar encetar un traballo excesivamente amplo e variado, defendendo as ideas e propostas dunha forza política que previamente as someteu a un referendum público, e diante da opinión xeralizada de que a política, no mellor dos casos, non serve para nada, desenvolvemos o noso labor as persoas que ollamos con temor ao fascismo tomando corpo social a través do mantra de sobran as institucións. Cospedal sentenciouno claramente: sobran a metade dos deputados e os que queden deben dedicarse ao seu traballo privado e ir aos plenos a votar. Ela, que si sabe ben o que é cobrar dous ou tres soldos a un tempo por un único traballo!

"Personalmente non me podo imaxinar dando aulas de Filosofía e ao mesmo tempo facendo o mínimo do mínimo das tarefas que agora desenvolvo". 

A inmensa maioría dos concelleiros e concelleiras non cobran absolutamente nada polo traballo que fan. No caso da miña organización as remuneracións por asistencias son doadas a mesma organización. Ou sexa, que cando un viciño fala con eles ou elas non ten enfronte a un ser  que busca forrarse pertencendo á corporación da súa vila ou cidade. Só a unha persoa que dedica tempo á política a costa de furtárllo ao tempo de ocio ou familiar. Mais seguro que lles gusta e cren no que fan. Os deputados e deputadas maioritariamente realizamos o noso traballo con dedicación exclusiva. Personalmente non me podo imaxinar dando aulas de Filosofía e ao mesmo tempo facendo o mínimo do mínimo das tarefas que agora desenvolvo. De feito, gustaríame ver a Cospedal tentando dar aulas de Filosofía e realizar un traballo minimamente rigoroso no Parlamento de Castilla-La Mancha. 

A min gústame ser deputada, teño a sorte de desfrutar desta actividade e de que se depositara en min a confianza para realizala. Pertenzo á primeira xeración de mulleres da miña liñaxe que ten estudios primarios, secundarios, universitarios e que exerce un cargo público. Elas, as mulleres galegas que me precederon foron obrigadas a emigrar, a baixar a cabeza cando pasaban as donas das fincas que traballaban, obrigadas a crer que unhas naceran para obedecer e outros para mandar. Hoxe os patróns teñen outros rostros e outras formas de actuar. Desprestixiar a política simplemente resúltalles útil. 
Cando nena, nas mañás do verán, agardaba xunto co meu irmán pola miña nai no portal dun edificio de luxo que ela limpaba. Ante as miñas protestas por ter que estar alí moi cerca de onde vivían as miñas amigas, díxome que nunca esquecera que o importante non é o traballo que fas senón como o fas. Mais ou menos o que moitos anos despois estudaría na obra de Beauvoir a respecto da liberdade e a ética. As mulleres sabias non sempre deixan obra escrita.

Comentarios