Opinión

Pór sentido común na Marea

Ao elixir Luís Villares portavoz o Consello das Mareas (máximo órgano entre Congresos de En Marea) adoptou a única decisión compatíbel coa lóxica política e o sentido común. Villares é independente, como o 80% dos adheridos a En Marea e, xa que logo, trascende dos partidos fundadores da primitiva coalición electoral (Anova, Eu e Podemos) e representa as ideas de substantividade e independencia da Marea galega, así como o alargamento do seu espazo político. Para máis, se BNG, PP, como tamén ERC, Compromis ou Els Comuns, contan con liderados claros, a pluralidade de referentes no caso de En Marea sería pouco comprensíbel e nada operativa.

A decisión, ademáis, é substancialmente demócrática. E non só por contar cunha ampla maioría absoluta no máximo órgano intercongresual, senón porque o Plenario de En Marea (órgano soberano equivalente ao congreso ) tense pronunciado moi maioritariamente por afondar na institucionalización e vertebración dunha organización galega de seu, totalmente independente dos partidos que concorreron na súa fundación. Ademáis, este mesmo Plenario rexeitara en proporción de 10 a 1 a adopción dunha normativa de incompatibilidades que lle impedise a Villares como voceiro parlamentario participar na súa gobernanza orgánica.

O Plenario de En Marea (órgano soberano equivalente ao congreso ) tense pronunciado moi maioritariamente por afondar na institucionalización e vertebración dunha organización galega de seu

En Marea enfronta a necesidade de visibilizar o seu discurso (tamén en Madrid onde hoxe está case totalmente agachada por Unidos Podemos), espallar e afortalar a organización, dotándoa de urdime orgánica territorial e sectorial e alargar a súa base social e electoral, captando parte substancial dos votos do PSdeG, hoxe en estado de dilución.

Nada disto se pode acadar sen un liderado claro, como o que exerce Xulio Ferreiro no ámbito da cidade d’A Coruña.

Os espazos de unidade cidadá, como En Marea, constrúense sobre programas de mínimo común denominador, orientados á maioría social e á resolución dos problemas da xente e tendentes a ocupar a centralidade. Os radicalismos verbais cara á galería poden motivar algúns convencidos, pero afastan as ducias de milleiros que deciden as eleccións, posibilitando pór en funcionamento medidas que transformen a realidade, que é para o que serve a política. Semella que Villares teno claro.

Comentarios