Sentenza favorábel a unha traballadora para que se lle adapte a xornada para poder conciliar

A demanda, presentada ao abeiro do Real Decreto-lei 6/2019, aclara que a petición da denunciante é o exercicio dun “dereito personalísimo” que non require acreditar se o seu home ten máis doado conciliar

xulgados

CCOO informa que os seus servizos xurídicos acaban de gañar en Vigo unha sentenza favorábel á adaptación da xornada a unha traballadora para conciliar a vida familiar e laboral. É a primeira destas características que o sindicato consegue na comarca viguesa desde a aprobación do Real decreto-lei 6/2019, de 1 de marzo, de medidas urxentes para a garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e na ocupación.

A sentenza, que é firme, obriga unha empresa do sector cárnico a recoñecerlle á traballadora, casada e con dous fillos, o dereito a unha xornada laboral con quendas semanais alternas para poder conciliar a súa vida familiar e laboral. Deste xeito, nas semanas en que o seu home traballa pola tarde, o horario dela sería de mañá de luns a venres.

A resolución xudicial, emitida polo Xulgado do Social n.º 2 de Vigo, ve acreditado que a empresa dispón de persoal suficiente e coa preparación necesaria para poderlle conceder á denunciante a súa “petición razoábel”.

Comentarios