A empresa reclama 250.000 euros

Sentenza favorábel ao Concello de Viana do Bolo pola concesión da auga

Unha “gran satisfacción”. Así valora a sentenza do Xulgado do Contencioso nº2 de Ourense, contra a que non cabe recurso de apelación, o alcalde de Viana do Bolo, o nacionalista Secundino Fernández. E é que o fallo exime o Concello de pagarlle 23.378 euros á concesionaria do servizo de auga, que presentou xa catro contenciosos.

VIANA DO BOLO

O Xulgado do Contencioso nº2 de Ourense vén de ditar unha sentenza que exime o Concello de Viana do Bolo de pagarlle a Viaqua, a empresa concesionaria do servizo de auga, 23.378 euros que lle reclamaba polos honorarios dunhas asistencias técnicas cuxos servizo e custos non lle resultaron acreditados ao Goberno municipal. Contra o fallo non cabe recurso de apelación, de aí a satisfacción do alcalde, Secundino Fernández.

En declaración a Sermos Galiza, o rexedor do BNG explica que “nada máis chegarmos ao goberno, despois de toda unha historia de mandato do PP, cun breve intervalo do PSOE, a empresa concesionaria reclamounos distintas cantidades que suman, en total, uns 250.000 euros por uns conceptos que terían a ver co anterior mandato”. “Tomamos posesión en xuño, e en xullo o responsábel da concesionaria púxonos enriba da mesa as catro reclamacións que non nos xustificou de maneira axeitada”, engade.

A empresa presentou até catro contenciosos en que lle reclama ao Concello perto de 250.000 euros

Viaqua decidiu acudir ao contencioso após o Pleno aprobara unha proposta que rexeitaba os pagamentos por non estaren debidamente xustificados. De momento, tiveron lugar dous xuízos, un menor, do que aínda non saíu a sentenza, pola reclamación de 3.000 euros debido a uns xuros que alega a empresa e que o Goberno considera que non ten que pagar, por non estaren claros. E este último, en que a concesionaria pedía 23.378 euros. “Foi unha satisfacción enorme que os nosos argumentos resultaran apoiados na súa totalidade e que non haxa lugar a recurso”, subliña o alcalde.

Agora fican pendentes os dous procedementos máis importantes pola súa contía, para os que aínda non hai data fixada. “Reclaman diferentes débedas, dicindo que a concesión non é sustentábel economicamente e que o custo do servizo a respeito da prestación dá unha cifra negativa. Entenden que o Concello ten que facerse cargo dese décit, pero nós non estamos de acordo porque en ningún momento nos xustifican os custos do servizo”, expón Secundino Fernández. Os pregos da concesión deste servizo prevén a subvención anual en caso de déficit, mais esixen unha xustificación que, neste caso, non se presenta. “Despois houbo un acordo en que se subiu o prezo da auga, e entón, unha vez que se subiron as tarifas, xa quedaría solventado ese déficit”, comenta o nacionalista.

A empresa non presentara reclamación ningunha contra o Goberno do PP, etapa en que se lle deu a concesión a 25 anos

O rexedor de Viana do Bolo, que asegura que xudicialmente Viaqua non presentara reclamacións ningunhas cando gobernaba o PP, alude, aliás, aos incumprimentos do prego de condicións por parte da concesionaria, “a empresa estaba obrigada a prestar atención ao público nunha oficina. Levaban oito anos de contrato e nunca houbo oficina de atención ao público, polo que as persoas usuarias tiñan que se desprazar a Xinzo”.

Unha concesión por 25 anos

Foi o anterior Goberno, dirixido por Andrés Montesinos (PP), o impulsor da concesión a Viaqua (anteriormente coñecida como Aquagest) por 25 anos. Unha concesión que aínda expira en 2032. “O BNG opúxose polos informes negativos de Secretaría e Intervención, que mesmo advertían de que as condicións da outra empresa presentada eran máis vantaxosas para o concello”, subliña.

Comentarios