Sentenza dos ERE de Andalucía: cárcere para Griñán e inhabilitación para Chaves

O tribunal considera culpábeis os dous ex presidentes andaluces. 
Chaves Griñán ERE AndaluciaEuropa Press
photo_camera Os ex presidentes andaluces Chaves e Griñán. (Europa Press)

Após nove anos de investigación, xa hai a primeira sentenza da macrocausa de ERE fraudulentos en Andalucía. Trátase da peza política, unha das 146 pezas que ten o sumario e que supón un forte revés da Audiencia de Sevilla ao PSOE en plenas negociacións para conformar un goberno de coalición. Estaban imputados ata 21 altos cargos da Junta de Andalucía, incluídos os ex presidentes Manuel Chaves e José Antonio Griñán. Ambos os dous foron condenados.

O ex presidente José Antonio Griñán foi condenado por prevaricación e malversación a unha pena de seis anos e dous días de prisión e unha inhabilitación absoluta de 15 anos e dous días.

Pola súa banda, o tamén ex presidente Manuel Chaves foi condenado só por prevaricación a unha inhabilitación especial de nove anos. Os ex conselleiros Antonio Fernández, Francisco Vallejo, José Antonio Viera, Carmen Martínez Aguayo, Agustín Barberá e o ex-viceconselleiro Jesús María Rodríguez foron condenados a seis a oito anos de prisión. Os tamén antigos conselleiros Gaspar Zarrías e Magdalena Álvarez foron condenados a nove anos de inhabilitación especial.

A sentenza non é firme porque se pode presentar recurso ante o Tribunal Supremo, algo que as defensas xa anunciaron que farían. Polo tanto, polo de agora non entrarán en prisión. Dous dos acusados ​​foron absoltos..

Non se lucraron persoalmente mais os maxistrados consideran que os dous ex presidentes coñecían a trama. Por unha banda, que Chaves coñeceu e permitiu este irregular sistema de subvencións. Pola súa banda, Griñán está acusado de non facer nada para detelo aínda que coñeceu os informes de alerta da Intervención Xeral da Junta de Andalucía. "O acusado era plenamente consciente da evidente ilegalidade dos actos nos que participou, relatados nos feitos probados", di a Audiencia de Sevilla en ambos os casos.

Comentarios