Sen tregua natalicia na loita d@s estafad@s polas preferentes contra o calote

Folga do fame en Ferrol, peche no Concello de Boiro, concentracións e mobilizacións. @s estafad@s polas preferentes manteñen nestas datas de Nadal as mobilizacións e protestas na reclamación de que lle devolvan o 100% dos seus cartos. Sen tregua natalicia, seguen a denunciar as responsabilidades, dos bancos e dos gobernos central e autonómico

Pola volta de 70 afectad@s polo calote das preferentes comezaron nesta cuarta un peche no Concello de Boiro. Unha protesta coa que os e as estafadas da comarca da Barbanza reclaman aos políticos que se mollen na solución a esta problemática, que atinxe a perto de 95.000 galeg@s. A mobilización súmase a outras que se están a desenvolver en diferentes puntos do País, como peches en caixeiros.

Aliás, esta segunda comezaba en Ferrol unha folga de fame de afectad@s, protesta por quendas que se prolongará até o 30 de decembro.

As reivindicacións d@s afectad@s polas participacións preferentes pasan por que o goberno central e o da Xunta recoñezan, “a fraude xeneralizada que supuxo a comercialización deste tipo de produtos financeiros de alto risco e que se recoñeza a estafa que isto significa. Solicitamos a devolución íntegra dos aforros das persoas que se están a demostrar que son claros casos de fraude como acontece en cada caso que se resolve a través dos laudos de arbitraxe”.


Comentarios