Opinión

Sen chumbo

Resultado inxusto. O Dépor mereceu, por primeira vez en moito tempo, máis, moito máis. Moitísimo máis. Pero acabou lamentándose como sempre, e lambendo feridas.

Por fin, o Dépor acabou o partido aceptablemente desde o punto de vista do aguante físico do equipo sobre o verde. Rematou os noventa minutos sen dar sensación de estar totalmente esgotado. Tamén foi positivo que se producise un cambio da dinámica, da derrota ó empate. Significa sumar. Sabe a moi pouco porque é realmente un cambio moi curto. Un pequeno paso. Realmente escaso na batalla das urxencias.  

   

O equipo de Seedorf convencido en proseguir co seu plan inicial, desta vez deu outro tipo de impresión creativa. O seu equipo foi prolífico na procura do gol. Abundaron oportunidades. Dúas tocaron os paus. A primeira por abaixo no disparo de Cartabia. A segunda no longueiro tras un remate de Andone. O adestrador holandés en tres partidos, e cun plan de ataque sobre o tapete, só encaixou dous goles. No último, logrou que o taboleiro de marcas rematase lucindo como ó principio, sen un tanto en contra. Tamén é este un aspecto positivo pequeno, pero que se pode agrandar se é capaz de manter este logro o maior número de partidos posibles, e máis se se produce co calendario de partidos dos próximos dous meses. Difícil misión. 

Lucas segue loitando por saír do seu propio maldito bucle desde novembro

 

Pero a oportunidade máis clara, e a que tirou máis dos pelos dos afeccionados, foi a de Lucas, que errou unha pena máxima. Diego López acertou coa traxectoria da execución do disparo do dianteiro estrela branco e azul. Un penalti perdido é a gota que reborda o vaso. É a resposta a un estado anímico deprimido. De feito, o coruñés rematou abatido o partido. Lucas segue loitando por saír do seu propio maldito bucle desde novembro. Que o gol lle dea as costas na ocasión máis asequible para marcar reflicte un grave problema de ansiedade sobre o que hai que traballar. O diagnóstico dese nivel de depresión do futbolista pódese ver nos segundos previos o lanzamento do penalti. Cómo se coloca, as dúbidas, os xestos, o rostro…, o peso da responsabilidade logo dunha temporada difícil no aspecto persoal. Lembrou a outro penalti maldito, aínda que en circunstancias ben diferentes. O de Djukic. Aquel erro fatal privou ao Dépor de celebrar un título de Liga, polo que tivo que esperar seis anos máis tarde. Naquel penalti, o peso da responsabilidade traizoou ó futbolista iugoslavo. Lucas precisa descomprimir para recuperar a confianza que semella ter perdida. Os asubíos e as pintadas contra o seu rendemento nas últimas semanas só exerceron máis presión negativa. O gol que se lle nega tanto impídelle, partido a partido, librarse dunha vez por todas desa forza negativa que precisa deixar saír con inmediatez para recuperar a confianza en si mesmo e abandeirar ó equipo, tal e como se esperaba del cando chegou. 

Aínda que hai elementos positivos, na balanza segue pesando, e moito, que o equipo de Seedorf non vise un gol a favor desde a súa chegada. As melloras ofensivas, as sensacións positivas só serven para a tribuna, pero non suman. Convértense en ineficaces e improdutivas. Un equipo sen gol é un equipo enfermo, sobre todo, cando a aposta ofensiva se constrúe sobre a base dun once que presumiblemente anuncia unha declaración de tromba ofensiva. Cumpriuse parte do perfil do trebón, pero acabou converténdose nunha treboada de verán pasaxeira, das que deixan vistosos lóstregos no ceo e moito ruído, pero nin unha soa pinga de auga sobre un terreo seco e infértil. Sen agua e sol non medra nada. E o Dépor, por agora segue esmeluxado, bloqueando entre as nubes un parco sol goleador.

A condea do equipo deportivista mudou de lado. Se antes (con Mel e Parralo) a sangría estaba fundamentalmente nos goles encaixados en propia portería, agora, con Seedorf, o gran problema está na conversión das xogadas en gol. O Dépor de Seedorf loce homes de ataque que saen á contenda sen cargar de chumbo o tambor do revólver de todos os seus pistoleiros. 

Comentarios