Opinión

Semántica galega

Teño presentes aínda na memoria algúns comentarios da miña nai verbo  de determinadas expresións e palabras no uso do galego. Ela recuperou con normalidade o galego da infancia (que lle fora, como a todo o mundo, proscrito e expulso da vida social xeral), cando as súas fillas o practicaron como lingua única. A lingua filial, de que falaba Carvalho Calero. Era moi prudente nas súas observacións, mais para min todas elas moi valiosas. O meu uso de “Obrigada” como fórmula de inicio e de remate de intervencións parlamentares suscitou nalgúns membros da Cámara os correspondentes comentarios irónicos ou burlescos (nada inusual: fillos da ignorancia e do autodesprezo). Lembro que daquela  ‑hai xa tantos anos!‑ ela comentara: “Pois non debían rir, pois antes dicíase, por exemplo, “estoulle moi obrigada polo favor que me fixo”. Aquí debo introducir unha precisión importante. Nos primeiros tempos da reincorporación ao galego, miña nai non nomeaba o idioma senón que se refería a el como un locativo (“na aldea”) ou como o pasado (“antes”, “daquela”), isto é, como o proprio dunha época superada pola “normalidade” posterior (o proprio visto como anómalo, e o estranxeiro, como normal, signo da deriva histórica de nós, na lingua e no resto). Cando llo eu advertín, ela mudou decontado, e todas as súas referencias pasaron a ser ao galego e ao que a ela lle parecía correcto ou máis enxebre, repito, con toda a mesura. Noutra ocasión, como quen non quer a cousa, díxome: “Botades todo o día crendo, mais en galego dise “Eu coido...” ou “Eu penso...” (expresión de crenzas / pensamentos ou ideas). Claro, aí lembreime do meu querido e admirado profesor de Filosofía do bacharelato, cando me corrixiu a resposta a unha súa pergunta: “Usted no cree nada; dígame si piensa que este silogismo es verdadero o no”. Outros tempos, outra pedagoxía, outra atención á semántica.

Vén isto a conto do adecuado e pertinente uso do “Obrigado” que, no Congreso dos Deputados, realizou o deputado do BNG Néstor Rego Candamil. Tan galegos son os seus apelidos como o uso que fixo desta fórmula de agradecemento. E, ademais, oportuna ao máximo, pois o galego xenuíno o que precisa é megafonía, normalidade das súas “novidades” que non son máis que retorno á súa autenticidade. Na mesma liña, lembro da miña infancia e adolescencia luguesas o uso constante de “Moito ben” por parte do dono (dono, repartidor e único traballador) da “Lechería La Moderna”. Reparen, por favor, no contraste: fala galega perfeitamente mantida / escrita en español: a entraña do conflito lingüístico asumido como natural e inmodificábel. Cantos exemplos máis poderíamos aducir! A primeira vez que ouvín “billa” foi a meu pai, mais aplicada á da barrica de viño; as do lavabo ou baño eran “grifos”. “Funil” sentinllo tamén por primeira vez a unha señora analfabeta de Boiro (só a coñecía pola escrita).

Que é, pois, o “novo” e que é o “vello” no galego? Decatarémonos, dunha vez por todas, de que os castelanismos sobexos que contaminan o noso galego actual, por non falarmos de corrupcións absolutas como a gheada, endexamais o poderán normalizar, nunca o modernizarán?

Comentarios