Do 21 ao 25 de outubro en Compostela

A semana galega do cinema árabe

O bombeiro vasco Ignacio Robles negouse a participar, o 13 de marzo de 2017, nun operativo de seguridade no porto de Bilbo. Non quería facer parte das manobras que posibilitaban o envío a Arabia Saudí de armas fabricadas en Euskadi. Dese acto de desobediencia naceu A guerra comeza aquí, documental de Joseba Sanz que abre a edición número 17 do festival de cinema euroárabe Amal, en Compostela.
a guerra comeza
photo_camera Fotograma do filme 'A guerra comeza aquí', de Joseba Sanz. Imaxe: Amal.

Cartel AMAL 2019As proxeccións serán do 21 ao 25 de outubro no Teatro Principal, en sesións ás oito do serán e ás dez da noite. Cinco filmes documentais e cinco de ficción conforman o programa proposto pola Fundación Araguaney-Ponte de Culturas e dirixido polo seu presidente, Ghaleb Jabier Martínez. “Durante 17 longos invernos, rimos, choramos, soñamos xuntos e xuntas a través do cine”, afirma Martínez na Carta do Director do certame.

Entre os documentais atópanse Sky and Ground (22 de outubro), de Tayla Tibbon e Joshua Bennett, que conta a viaxe clandestina dunha familia de refuxiadas curda; Hamada (23 de outubro), do galego Eloy Domínguez e rodada nos campamentos de refuxiados saharahuís; Soufra (24 de outubro), de Thomas Morgan, nun campamento de refuxiadas palestinas no Líbano; e Renault 12 (25 de outubro), de Mohamed El Khatib, sobre o traxecto dun home en Marrocos para recoller a súa herdanza.

As longametraxes de ficción comezan con Look at me (22 de outubro), do tunecino Nejib Belkadhi. Nos seguintes días pasaranse Yomeddine (23 de outubro), do exipcio Abu Bakr Shawky; Mafak (24 de outubro), do palestino Bassam Jarbawi; e Capharnaüm (25 de outubro), da libanesa Nadine Labaki.

Comentarios