Semana decisiva para Alcoa San Cibrao coa nacionalización como solución

Poucos días teñen as traballadoras e traballadores de Alcoa en San Cibrao (Cervo) para deter a fin da factoría de aluminio. O BNG introduce hoxe no Congreso o debate sobre a súa nacionalización e unha mellora no custo da enerxía. Cos resultados electorais na man as redes sociais lémbranlle a Feixoo a promesa electoral de "asumir a responsabilidade" sobre o futuro. 
Carrera simbólica de 1.000 quilómetros do persoal de Alcoa, San Cibrao, en Cervo (Nós Diario)
photo_camera Carrera simbólica de 1.000 quilómetros do persoal de Alcoa, San Cibrao, en Cervo (Nós Diario)

O futuro da factoría de Alcoa en San Cibrao, Cervo, pasa polas decisións que adopten con urxencia o Goberno español e a Xunta da Galiza en relación a unha intervención que impida o fechamento definitivo das súas instalacións na Mariña. Co resultado electoral aínda en quente nesa comarca, na que o PP e PSOE perderon votos e porcentaxe de apoio, o debate pasa ao Congreso das Deputadas a través dunha Proposición non de lei do BNG, que ten como eixos fundamentais dous puntos: a nacionalización da planta e a posta en marcha dunha tarifa eléctrica propia a nivel galego.

O deputado nacionalista Néstor Rego introducirá estas iniciativas co argumento de que, segundo explicaba no momento da súa presentación, "nin o marco normativo galego nin o do Estado nin o da Unión Europea impiden a nacionalización de Alcoa" polo que "esta solución só necesita da vontade política das Administracións públicas", subliñaba, ao tempo que engadía que esta medida "permitiría preservar o emprego e salvar unha comarca enteira". 

Solucionar os custos da enerxía

Outra das proposicións que se debaterán como iniciativa do BNG será o custo da enerxía eléctrica. Rego afirma que é "o principal problema que ameaza a viabilidade da empresa" polo que a solución sería pór en marcha unha tarifa eléctrica galega que permita abaratar a enerxía para facer as empresas máis competitivas e que as familias puidesen beneficiarse "da riqueza enerxética do seu país".

O razoamento de Rego é que se "Galiza é un país exportador de enerxía eléctrica, que soportou os custos sociais e aínda soporta os ambientais desta produción" sería de xustiza que, "en compensación, o territorio galego puidese regular o seu propio marco enerxético e que o custo fose menor para os consumidores e para a nosa industria".

Mobilizacións e presión para que Feixoo actúe

Traballadoras e traballadores lembraron nas redes sociais con contundencia, unha vez coñecido o resultado electoral, a promesa de campaña que fixo Alberto Núñez Feixoo a semana pasada en Lugo, cando afirmaba que "o vindeiro domingo, gañando o PP, o primeiro responsábel son eu e asumo esa responsabilidade". 

As mobilizacións continuarán esta semana. Após ir votar o domingo co uniforme de traballo a modo de reivindicación dos postos de traballo, o día 13 de xullo desde o comité de empresa deron por rematadas as cazoladas periódicas en protesta pola súa situación. Tamén iniciaron a semana coa realización dunha carreira simbólica de 1.000 quilómetros, un por cada posto de traballo ameazado entre o persoal da empresa e auxiliares, que sumarán entre as persoas participantes.

Para a terza feira 14 de xullo, convocaron unha concentración ás 8.30 horas no aparcadoiro da entrada da factoría de San Cibrao na que solicitan que todo o persoal acuda coa roupa de traballo. 

A representación das traballadoras e traballadores da empresa, explica nun comunicado que decidiron por unanimidade que "a única posibilidade pola que traballan é a de non parar as cubas". Segundo o comité, este será "o único punto de inflexión e unha liña vermella" que se marcan a partir de agora.

Alén diso, o comité de Alcoa solicitou un aprazamento da reunión coa dirección da empresa, que tiña que realizarse o día 14 de xullo, até a semana vindeira. Tamén emprazaron a multinacional para que amplíe o período de consultas que está a realizar con motivo da proposta unilateral de expediente de regulación de emprego (ERE) nun mínimo dun mes. Segundo a representación sindical precisan "estudar a información que a empresa nos trasladou e a que aínda lles queda por entregar". A data de remate das conversas, se a empresa non acepta esta proposta, sería o día 24 de xullo.

Empresas da Mariña piden a Feixoo que reactive a comarca

Asociacións empresariais da comarca da Mariña pediron a Alberto Núñez Feixoo, despois de ser reelixido como presidente da Xunta, medidas de reactivación económica polos danos do foco do coronavirus así como accións que permitan evitar o fechamento de Alcoa. José Paleo, presidente da Mariña Federación, lembrou que 60% do emprego da comarca depende do comercio e a hostalaría, agora mesmo coa fracasada campaña de verán, que lles supón 25% dos ingresos anuais. Por este motivo demandou "que mire para a comarca". Tamén sinala a ameaza sobre Alcoa que "retrae o consumo".

A hostalaría de Ribadeo cifrou as perdas nuns 5 millóns de euros. David Rivas, hostaleiro ribadense e membro da asociación local de comerciantes, Acisa asegura que "os hoteis e restaurantes non están a facer caixa" polo que "lle pedimos axuda a Feixoo para saír".

Comentarios