Opinión

Seleccións nacionais

A dirección do partido Ciudadanos, segundo leo nestas páxinas, solicita non autorizar a formación de seleccións deportivas non estatais, algo que xa non se contempla.

Amosan dende súa lóxica un bo entendemento da lóxica política mellor, en moitas ocasións, que moitos nacionalistas, porque efectivamente a defensa da nación española faise moito mellor dende aspectos aparentemente banais que dende os grandes discursos en defensa do patriotismo constitucional ou da igualdade de dereitos entre os españois. Estes son discursos complexos e moitas veces ambiguos, poden ser discutidos no seu mesmo ámbito filosófico e non son de fácil percepción para os non adestrados na complexidade do pensamento xurídico ou político. A defensa da selección nacional identifícase cun ámbito lúdico e sentimental e é difícil para un non españolista discutir as implicacións profundas que tal querenza polas cores “nacionais” pode ter na configuración dun discurso político centralista e estatizante.

O seareiro simplemente está a desfrutar dun bo momento ollando o espectáculo e non ten por que ter outras consideracións que o mellor ou peor xogo que desenvolve a súa equipa. Non é máis que un divertimento banal e pensar noutra cousa sería un intento de politizar ou xerar división acerca dun acontecemento sen maior transcendencia, poderían respondernos os partidarios de non entrar nestes temas. Mais se tan intranscendente ou pouco relevante é, cal é, entón, a causa de que se incida en non permitir que outros fagan o mesmo coa que consideran é súa selección ou representación deportiva. Non parece ser tan pouco transcendente cando son admitidas cesións de poder político ou lingüísticas, mais non nos aspectos banais da vida cotián. Nin nos concursos de Eurovisión serían admitidas reclamacións nese senso nin nos xogos olímpicos ou nin sequera en acontecementos deportivos privados como as carreiras de motos ou a Fórmula 1 sería aceptado que cada competidor fixese interpretar o himno ou amosar a bandeira da súa elección, no caso de sentirse mellor representado neles que por símbolos que son os oficiais do Estado de que forma parte.

O nacionalismo banal, como ben sinalou o profesor Michael Billig, é tan ou máis potente que o nacionalismo oficial, de constitucións e festas oficiais con despregue de autoridades e forzas armadas. Noutros tempos os espectáculos patrios si podían ser funcionais, pero hoxe coa perda de prestixio dos nacionalismos de Estado fíxose necesario para estes buscar novas formas de expresión, a poder ser identificados con aspectos lúdicos ou cando menos conflitivos da vida social. A lotaría “nacional”, por exemplo, cos seus nostálxicos anuncios cumpre ben cos requisitos da unión sentimental entre españois, como tamén o fixeron e seguen a facelo determinadas expresións artísticas, ou a liga de fútbol profesional, auténtica vertebradora de España. Só lembremos que unha das principais ameazas que se lle fixo aos secesionistas cataláns foi o de expulsar o Barcelona da Liga, ameaza que foi tomada a serio e que despregou case máis pavor que a expulsión da UE (con razón, engado eu).

O erro de Ciudadanos non foi o de lembrar a prohibición das seleccións distintas da española, senón espertar atención sobre o tema, que estaba bastante calado. O nacionalismo banal e simbólico funciona moito mellor cando parece algo que non existe e ninguén repara nel.

Comentarios