A Selección Galega triunfa nos estatais de ciclismo adaptado

O coruñés Montero gaña dúas medallas de ouro
Iván Manoel Montero. (Foto: Fegaci)
photo_camera Iván Manoel Montero. (Foto: Fegaci)

Fin de semana perfecta para o galego Iván Manoel Montero nos Campionato de España de Ciclismo Adaptado en estrada, que tivo como escenario o Circuíto de Cartaxena (Murcia). Tras  imporse o sábado  na  carreira en liña, o handbiker da Selección da Galiza, líder do combinado nacional, defendeu con éxito o domingo a  súa  coroa estatal na categoría contra o reloxo individual MH5.

Tal e como sucedera na xornada anterior, o coruñés  impúxose de modo máis que solvente nun percorrido de 14,5 quilómetros, que completou en 25 minutos e 39 segundos, rodando a unha media de 3,5 quilómetros por hora, que lle permitiron superar o segundo clasificado -José Rojas, do Sevilla No&Do- por máis de cinco minutos.

"As  sensacións  foron  boas, e  conseguín manter un bo ritmo",  explicou o deportista galego logo de revalidar o título".

"Na  primeira volta xa collera o segundo clasificado, polo que  só quedaba  manter o ritmo e  gozar", engadiu un Iván Manoel Montero que se mostrou "contento" polas dúas medallas, conquistadas "a pesar das dificultades deste 2020 para que se puidese disputar o evento".

Galiza, unha piña

O dobre campión estatal nas handbikers de clase 5 quixo destacar o "bo ambiente" que  reinou dentro da selección galega. "Todo o mundo deu o  mellor de si, fomos unha piña e,  sen  dúbida,  foi  do que  máis  gocei", apuntou.

Os outros corredores dirixidos nesta cita polo seleccionador Guillermo Sande asinaron resultados similares aos obtidos nas carreiras en liña.

Álvaro Illobre terminou quinto na crono da categoría MH4, mentres que Severino Mata e Diego Pérez finalizaron noveno e décimo terceiro, respectivamente, na  loita contra o reloxo da competición MC5.

Comentarios