Euro2018

A selección galega feminina, campioa de Europa de fútbol gaélico

Impúxose a Francia após forzar a prórroga e acabar facéndose co Euro2018. A selección masculina, subcampioa europea. Perdeu na final contra o combinado galo.

trofeo seleccion gaelico feminina

Xa o sabiamos en Galiza mais agora non fican dúbidas en Europa: Galiza é unha potencia a respectar e ter en conta no fútbol gaélico, disciplina que desde o seu desembarco no país (hai apenas 8 anos!) non parou de estenderse e na que a liga galega foise facendo cada vez máis competitiva. Algo que os adestradores das seleccións galegas salientan como base sólida para poder  confeccionar uns equipos nacionais que poidan competi ao máis alto nivel.

Uxía Castro, xogadora do compostelán Estrela Vermelha, de 19 anos, acada o MVP.

A selección feminina vén de proclamarse este domingo campioa da Euro2018 que se disputou en An Oriant (Bretaña) após se impoñer na final a Francia após forzar a prórroga e nun partido tan intenso como disputado e emocionante: 28-24 para as galegas. Ao descanso chegouse con vantaxe das galas (12-9) mais na segunda metade Galiza foi quen de remontar e obrigar á prórroga. No descanso dese tempo de prolongación as irmandiñas xa gañaba por 28-23 e emproaban unha vitoria que as situa no máis alto. A seleción feminina chegou á final após derrotar Bretaña, Alemaña e Francia.

A selección masculina perdeu na final contra Francia (15-10). Ao descanso chegouse con empate a 5 mais os 10 últimos minutos de Francia na segunda metade foron dunha gran intensidade, impóndose a Galiza finalmente por 15 a 10. A galega é, pois, subcampioa da Euro2018, o que valida o gran momento deste combinado, algo que demostra cada vez que compite internacionalmente. Na fase de clasificación impúxose a Gascuña, Francia, Alemaña e empatou coa selección de Bretaña.

Ambas as dúas seleccións dan así un paso de xigante cara ao campionato do mundo de GAA – deportes gaélicos- que vai acoller Dublín (Irlanda) en 2019.

Desde a Asociación Galega de Fútbol Gaélico e da Federación Galega de Fútbol valoran o desempeño das seleccións galegas como “excepcional”. “O obxectivo era acadar ambas finais e disputalas ata o final, e creo que o conseguimos. Se ademais nos traemos o título feminino, xa non podemos pedir máis”, comentan dende a AGFG. “Agora toca mirar ao mundial de Dublín 2019”.

As xogadoras e xogadores que fixeron parte das seleccións galegas que competiron na Euro2018:

Feminino

Leti (Fillas de Breogán), Lucia (Estrela Vermella), Ánxela (Estrela Vermelha), Paula (Fillas), Lore (Herdeiras de Dhais), Sonia (Fillas), Laura (Fillas), Carme (Pontevedra), Alba (Auriense), Mery (Fillas), Naza (Herdeiras de Dhais), Laura Nercellas (Herdeiras de Dhais), Uxía (Estrela Vermelha) e Vane (Estrela Vermelha).

Masculino

Mancu (Irmandinhos), Julián (Fillos de Breogán), Brais (Estrela Vermelha), Jacobo (Auriense), Juve (Irmandinhos), Bermejo (Estrela Vermelha), Kanario (Irmandinhos), Panzu (Irmandinhos), Santalla (Herdeiros de Dhais), Álex (Estrela Vermelha), Adriano (Estrela Vermelha), Couso (Estrela Vermelha), Leborán (Estrela Vermelha), e Víctor (Fillos).

Comentarios