CAMIÑO DO 28 DE ABRIL

Seixas e Chorén, coas citas xerais e municipais no horizonte

Ana Seixas e Xosé Chorén afrontarán varias semanas de campaña. Seixas lidera a lista de En Marea ao Congreso pola Coruña, para que “Galiza deixe de ser a grande esquecida”. Chorén, alcaldábel de Lugo Novo, quere “dar solucións aos problemas de Lugo e impulsar o concello”.

ana seijas xose choren 640
photo_camera Xosé Chorén e Ana Seixas

Sermos Galiza conversa con Ana Seixas e Xosé Chorén sobre o que se xogan Galiza e Lugo nas convocatorias electorais das vindeiras semanas.

Seixas, que leva participando no movemento das mareas municipalistas desde a formación de Ames Novo, lidera agora a candidatura de En Marea ao Congreso pola circunscrición da Coruña, cos obxectivos prioritarios de facer unha política “cidadanista” e de defender os intereses de Galiza “sen subordinacións”.

Ana Seijas e Xosé Chorén

Chorén conta con experiencia e coñecemento na política municipal. Foi concelleiro do BNG en Lugo durante oito anos e volta á primeira liña política como alcaldábel da cidade amurallada pola candidatura de Lugo Novo. Este proxecto de ámbito local, apoiado por En Marea, busca “solucionar os problemas do concello” desde unha plataforma que “só se debe á veciñanza de Lugo”.

En Marea concorre ás eleccións xerais e, en diversas localidades, tamén ás municipais. Mais desta volta preséntase sen os socios anteriores. Ana, en que se diferencia En Marea de En Común-Unidas Podemos?

Ana Seixas: En Marea segue sendo o proxecto que sempre foi desde a súa constitución en 2016. Saímos cun mandato claro da asemblea de Vigo de facer unha política cidadanista, transversal e plural, que defendese os intereses de Galiza e desde Galiza. En Marea é un proxecto de adscrición individual e de carácter nacional, sen subordinacións e sen tutelas, para que Galiza non sexa a grande esquecida do Estado, e para iso fai falla que Galiza teña voz e capacidade de decisión. Non hai ningún outro proxecto nestas eleccións xerais en Galiza que reúna todas estas características.

Xosé, vostede encabeza a candidatura de Lugo Novo á alcaldía. Cal considera que é a problemática principal de Lugo?

Xosé Chorén: Lugo ten moitas problemáticas, pero podería salientar a consideración inferior coa que se trata a Lugo como capital de provincia, en relación ás outras tres cidades. Iso vese nas carencias en comunicacións internas de Lugo co resto de Galiza, como cara a fóra. O concello ten falta de referencialidade cara ás administracións autonómica e estatal, e hai grande febleza no seu goberno municipal.

"Non temos máis ataduras que a veciñanza de Lugo", salienta Chorén

O goberno da cidade non foi quen de esixir a consideración que Lugo merece, como por exemplo acontece co corredor atlántico e o transporte de mercadorías. Vemos, neste caso, que A Coruña vai mover as súas mercadorías a través do corredor, pasando por Compostela, Ourense e volvendo a Monforte para ir cara a León. Óbviase en todo momento que Lugo fica no medio entre Coruña e Monforte. A maiores, continuamos sen conexión ferroviaria a Compostela, o que nos quita posibilidades que si teñen as outras cidades, e segue sen desenvolverse a autovía Lugo-Santiago.

Lugo vive eternamente en promesas en campaña electoral. A última que nos fixeron é unha estación intermodal, na que non hai trens!

Nas anteriores municipais Lugo Novo competiu nas urnas con ACE-Esquerda Unida. Vostedes contan co apoio de En Marea, e volven presentarse sen chegar a acordo co espazo impulsado por Podemos-IU-Anova. Cal é a principal diferencia entre ambas formacións?

XC: A principal diferenza atópase en que Lugo Novo é unha forza de ámbito local e que se soporta sobre unha plataforma de ámbito veciñal. Por tanto, non temos máis ataduras que a veciñanza de Lugo, e isto permítenos poñer enriba da mesa todas as eivas históricas no plano das comunicacións, nos investimentos, na vivenda, nos servizos sociais ou no transporte. Lugo require un esforzo importante en medidas e xestión, que son as grandes eivas da cidade. Quen queira sumarse a Lugo Novo ten a benvida, pero non imos cambiar esta xénese nosa.

Ana Seijas

Ana, na creación das mareas municipais, vostede sumouse á formación Ames Novo. Despois desta lexislatura, como valora a veciñanza a súa formación?

AS: Ames Novo foi a primeira marea municipalista. Constituíuse en 2012 e a boa percepción da veciñanza cara a este proxecto quedou referendada en 2015, cando nos presentamos por vez primeira e obtivemos catro representantes no concello. Penso ademais, que o noso labor para defender os intereses da veciñanza ten grande acollida e, aínda que non formamos parte do goberno, marcamos as liñas de actuación claves para que o concello avanzase. De feito, logramos desenvolver uns orzamentos con cuestións centrais para a veciñanza como a educación ou a defensa do medio, poñendo de relevo o que pedía a cidadanía, apoiando a súa participación e a democracia, que é unha das nosas bases.

Xosé, como cualificaría a acción de Lugo Novo nesta lexislatura cun PSOE en minoría?

XC: Fíxose un traballo inxente. De feito, presentáronse 113 iniciativas no pleno, das que se aprobaron 112. O problema veu despois, debido á mala xestión do PSOE, pois non foi capaz de levalas á practica.

A veciñanza comparte esa mesma valoración?

XC: Si, de feito nas xuntanzas que temos coa veciñanza en relación a cuestións concretas, que é cando máis se visualiza a opinión da xente, adóitase recoñecer o esforzo feito. Si é certo que, ás veces, non se percibe todo o traballo que hai detrás. Por exemplo, pese a sermos quen promoveu que os sistemas de depuración na zona rural se fixeran con filtros verdes, moita xente pensa que foi un traballo do goberno do PSOE. Debemos mellorar na comunicación.

Xosé Chorén

Cal é a proposta principal de Lugo Novo para a cidade?

XC: Formulamos esta precampaña sobre tres piares fundamentais. Primeiro, as persoas; segundo, a xestión municipal; e terceiro, a marca Lugo. É fundamental pór en valor a marca Lugo, cunha serie de referencias que temos neste momento, como é sermos base loxística do noroeste de Galiza e incluso de Asturias. Pedimos o mesmo trato que ao resto de cidades. En canto á xestión municipal, é principal resolver o conflito latente desde hai máis de dez anos na estrutura do cadro municipal, pois estamos nun colapso e debemos solucionalo para dar os mellores servizos á veciñanza.

"É fundamental pór en valor a marca Lugo", afirma Chorén

A ubicación de Lugo nun espazo estratéxico ten que permitir xerar emprego, que a mocidade non teña que marchar, que poidamos seguir poñendo en valor as 1.900 explotacións do rural do concello e o campus universitario.

Ana, declarouse na súa presentación ás primarias de En Marea como “mareante convencida, defensora da radicalidade democrática, o feminismo e o cidadanismo”. Que supoñen estes principios? En relación a eles, cal é a primeira medida que defenderá no Congreso?

AS: Nesa liña de cidadanismo, a primeira medida será para ampliar os dereitos e liberdades das persoas. En canto ao feminismo, para min é todo. Non hai avanzo posíbel cando se está desaproveitando a potencialidade da metade da poboación. As mulleres levamos moito tempo loitando por unha igualdade real, e isto vai ser central na lexislación que comeza.

"O feminismo é unha forma de entender o mundo, de relacionarse e está no ADN de En Marea", sinala Seixas

O feminismo é unha forma de entender o mundo, de relacionarse e está no ADN de En Marea. Esa permeabilidade de En Marea de estar en contacto directo coa xente fainos saber cales son as necesidades reais da poboación e fainos poñelas no primeiro plano á hora de lexislar.

Como licenciada en Ciencias Políticas, ten traballado en investigacións sobre comportamento electoral na Galiza. Que perspectivas augura para En Marea?

AS: Penso que o electorado vai parabenizar o traballo que leva facendo En Marea, pois a xente confía nunha organización coherente como é a nosa. E é que puxemos por riba de todo os principios de radicalidade democrática, participación e ética. En Marea nunca se afastou dese camiño nin da defensa dos intereses das galegas e galegos. De feito, cando vimos que o que se estaba facendo ía contra o desenvolvemento da nosa xente e do noso país, non dubidamos en dicir que non. Así foi como fixemos ante uns orzamentos xerais do Estado que podían ter melloras sociais, pero que non eran galegos.

"A transferencia da AP9 é unha das primeiras medidas que volveremos levar ao Congreso", anuncia Seixas

Galiza precisa investimentos e poñela no mapa dentro do Estado. Apostamos por un estado onde ningún territorio sexa agraviado. Esta semana vimos como o goberno do PSOE aprobaba transferencias a Euskadi, mentres a Galiza lle negan a transferencia da AP9, que é unha das primeiras medidas que volveremos levar ao Congreso. Outro agravio vímolo cando o goberno central condonou a débeda do porto de Valencia e non o fixo coa do porto da Coruña. En Marea aposta firmemente polo país, que é unha aposta firme por mellorar a vida das persoas.

Comentarios