Vantaxe de dous goles para a visita a Málaga

Unha segunda parte de alta voltaxe catapulta o Dépor no primeiro asalto do play off

Primeira parte. 1-2. Todos os demos familiares a pairaren sobre Riazor. O fatalismo endémico dun clube afeito a sufrir até cando gaña. Mais todo mudou en 45 minutos de vertixe, os de Martí convertidos nunha cicloxénese sobre a pradeira. En estado de graza, todo o que chutaron foi gol. O 4-2 pon o Dépor en vantaxe para a volta no primeiro envite do play off.

depor
photo_camera Borja Valle celebra o seu gol

O Dépor volveu e volveu no mellor momento. O debate sobre por que desapareceu após o prometedor arranque do campionato fica adiado para outro momento. Así o entendeu tamén a parroquia, que este cuarta feira ateigou Riazor como nos días de gloria do SuperDépor. Xa non foi só que houbese moita xente, é que participou no partido en todo momento e nomeadamente cando as cousas viñeron mal dadas. Por exemplo, cando o Málaga se puxo 1-2 e a empresa comezaba a parecer imposíbel. Non desfaceleron as bancadas e o equipo sentiu que debía corresponder a tanta paixón, quen poderá detela.

Lume anímico desde as localidades e electricidade a pé de campo. A que na segunda parte puxeron futbolistas como Borja Valle ou Fede Cartabia, verdadeiramente arrebatados. O talento e a maxia de Carlos Fernández ocupáronse do resto. Futbolista diferencial, cando está en plenitude de condicións o equipo é outro. Si, a súa ausencia por lesión durante boa parte do curso é un dos factores que explica por que o Dépor ficou afastado dos postos de ascenso directo.

En todo caso, o fútbol é un fenómeno imprevisíbel, daí que moitas veces sexa un negocio ruinoso. Co 2-2 no taboleiro de marcas ese futbolista de escándalo que é Ontiveros colocou unha bola imposíbel na cruceta da portería de Dani Giménez. Tería sido un 2-3 letal. Mais o que nos deparou o xogo a continuación foi unha marabillosa asistencia, coa dereita!, de Cartabia que Carlos Fernández, lanzal a súa figura sobre a liña de gol, cabeceou para selar a remontada. O 4-2 chegaría cun disparo seco de Borja Valle non moi ben respondido polo meta Munir.

Ten razón o treinador deportivista. Isto non está feito. O Málaga na súa casa é un equipo temíbel. De acordo. Mais o Dépor está de volta e soñar está permitido.

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Domingos Duarte, Somma, Saúl, Fede Cartabia (Diego Caballo, min. 81), Álex Bergantiños, Edu Expósito, Pedro (Nahuel, min. 69), Carlos Fernández e Borja Valle (Vicente Gómez, min. 86).

Málaga CF: Munir, Iván Rodríguez, Luis Hernández, Pau Torres (Diego González, min. 80), Ricca, Boulahroud (Erik Morán, min. 66), Keidi Bare, Adrián (Pacheco, min. 66), Renato Santos, Blanco Leschuk e Ontiveros.

Goles: 0-1 Luis Hernández (min. 18); 1-1 Carlos Fernández, de penalti (min. 21); 1-2 Ontiveros (min. 37); 2-2 Pedro (min. 56); 3-2 Carlos Fernández (min. 63); 4-2 Borja Valle (min. 78).

Árbitro: Soto Grado (c. rioxano). Cartóns amarelos a Pedro (min. 13), Iván Rodríguez (min. 25), Keidi Bare (min. 30) e Ontiveros (min. 90+2).

Incidencias:  24.267 espectadoras e espectadores no primeiro partido do play off de ascenso.

Comentarios