XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI, PRESIDENTE DA A.C. ALEXANDRE BÓVEDA

“Seguiremos a traballar polo país pero con outras ferramentas”

A asociación cultural Alexandre Bóveda da Coruña fai nese 2016 o seu 40 aniversario e comeza este xoves a celebralo. Falamos co seu presidente, Xosé Manuel Sánchez Rei. 

alexandreboveda
photo_camera alexandreboveda

- Como ides celebrar estes 40 anos da asociación?
- Pois comezamos esta semana cun pequeno acto e logo imos facer unha actividade cada mes até outubro, cando faremos unha gala na que vai haber artistas e músicos vinculados á Coruña. Este xoves facemos un acto de pequena homenaxe ás persoas que fundaron a asociación hai 40 anos, que levan 40, 35, 30 anos na agrupación.

- Alguén coñecido entre esas persoas?
- Pois por exemplo Pilar García Negro, o antigo reitor da UDC, Xosé Luís Armesto, ou Cesáreo Sánchez, presidente da AELG. 
A asociación creouse cando aínda non había democracia...
Creouse en agosto de 1976, xustamente o 17, o día que asasinaron a Bóveda. A partir desa data foi tendo diversas xuntas directivas, agora mesmo temos 230 socios e continuamos a ter actividades dedicadas fundamentalmente á defensa, reivindicación da lingua, literatura e cultura galega. Desde hai 40 anos levamos unha dedicación sen parar, centrándonos no país, sempre vinculada ao proxecto de país que queremos, que tamén debe ter proxección na cultura, non só no ámbito político e sindical.

- Que actividades tedes de forma regular? Tedes unha escola de xadrez...
- Pois si, e tamén un programa de radio en Cuac FM, ademais de programas fixos de actividades para as Letras Galegas, ciclos de conferencias, etc. O ano pasado desenvolvemos un proxecto de recuperación toponímica que rematou coa publicación dun libro. 

- Que balance farías destes 40 anos?
- Pois moi bon. Moita xente ten pasado pola nosa asociación, da cultura, dos medios, e temos unha media de actividades de 70 ao ano, entre as propias e as que facemos con outros colectivos. O balance é positivo. A nivel de proxección pública é tamén moi positivo. Somos unha das entidades máis antigas no asociacionismo cultural de base e a cidadanía da Coruña sábeo. Fomos responsables, xunto con outras, de refundarmos a Federación de Entidades, a Plataforma Galiza Cultura, así que o balance é moi positivo. 

"Neste momento estamos traballando nun proxecto que recupere o cancioneiro tradicional da Coruña e a súa comarca"

- Que sería da Coruña sen a Alexandre Bóveda?
- Pois non sei, penso que unha grande parte da cidadanía se achegou á cultura galega grazas á nosa entidade, por iso creo que se non houbese Alexandre Bóveda, moita xente non tería o coñecemento que ten da lingua e da cultura galega. Creo que cumpriu un papel moi relevante. Temos colaborado coa Facultade de Filoloxía, coa RAG, co Concello, con asociacións... E penso que se non houbese Alexandre Bóveda tería un coñecemento máis precario da lingua, da literatura... 

- Nestes 40 anos de historia, que momentos cres que foron os máis importantes para a asociación?
- Quizais cando se funda, evidentemente, e cando se consegue involucrar e envolver o tecido cultural da cidade. Non sempre foi ao mesmo ritmo, ás veces por cuestións persoais houbo diferente implicación á hora de tirar polo carro, pero penso que nos últimos 15 anos hai unha gran proxección da entidade na cidade. Quizais desde entón a asociación pasou a ser coñecida polo seu grao de actividades e compromiso e número de actos que celebra. 

"Sempre se fala de homes e tamén houbo mulleres asociadas, e algunhas sorprendentes, cuxos maridos non tiñan nada que ver co nacionalismo"

- Cales son os proxectos de futuro da Asociación? Como ves os vindeiros 40 anos?
- Véxoos igual, seguiremos a traballar polo país, e pola cultura de base, pero con outras ferramentas, porque é certo que hoxe en día hai ferramentas derivadas das tecnoloxías moi útiles para o desenvolvemento das actividades, mais imos seguir a traballar pola lingua e pola cultura. Xustamente neste momento estamos traballando nun proxecto que recupere o cancioneiro tradicional da Coruña e a súa comarca. É un proxecto moi ambicioso porque supón buscar en arquivos, en hemerotecas, desde finais do XIX até agora, eses cantares tradicionais, que en moitos casos aínda están vivos, así que hai que recuperalos antes de que se perdan. Ademais temos unhas actividades fixas, de lectura, conferencias, Letras Galegas, Día de Galiza Mártir. Ademais de celebrarmos a figura de Manuel María, que era socio de honra noso, e o centenario das Irmandades, que naceron na Coruña.

- Que ides facer con respecto ás Irmandades?
- Xustamente acabo de falar coas persoas que levan a Comisión. Queremos dar a coñecer o que eran as Irmandades na cidade e estamos a traballar en dar a coñecer os nomes. Sempre se fala de homes e tamén houbo mulleres asociadas, e algunhas sorprendentes, cuxos maridos non tiñan nada que ver co nacionalismo, e elas estaban afiliadas. Vale a pena darlles un pouco de visibilidade. 


 

Comentarios