Imprimir

Seguimento total no inicio da folga dos Xulgados de Violencia sobre a Muller en Vigo

Redacción | 14 de decembro de 2015

​O persoal inicia unha protesta polo colapso e a falta de medios para combater a violencia machista e denuncia os anuncios electoralistas da Xunta, que non se puxo en contacto para escoitar as súas demandas.


Seguimento total no primeiro día de folga nos Xulgados de Violencia sobre a Muller en Vigo. O persoal inicia unha protesta para evidenciar a falta de medios, denunciada durante semanas e ignorada polas institucións, que lles dificulta a loita contra a violencia machista e a protección das mulleres vítimas.

O persoal saíu esta segunda feira á rúa para visibilizar as súas demandas e facer partícipe á cidadanía do colapso que sofren os Xulgados de Violencia sobre a Muller de Vigo. Só traballaron os servizos mínimos impostos pola Xunta, un xestor e un Auxilio Xudicial, que tamén apoian a protesta.

“Ninguén da Xunta se puxo en contacto con nós”, asegura Pablo Valeiras, portavoz de Alternativas na Xustiza-CUT, organización que forma parte do comité de folga xunto as traballadoras e traballadores do xulgado. “Fan un uso electoralista e populista, e mesmo o ministro de Xustiza Rafael Catalá recoñeceu a falta de medios en Vigo cando foi preguntado pola prensa”, destaca Valeiras.

Graves eivas na protección das vítimas
Manifestan que o colapso actual provoca graves eivas na protección das vítimas, como a suspensión de dilixencias urxentes ou atrasos xudiciais que son aproveitados polos maltratadores para continuar coa violencia. Atrasos que, segundo denuncian, superan os catro meses nas medidas provisionalisimas, deixando aos menores exposto durante ese tempo ao maltratador.

Denuncian que as carencias son cubertas polo persoal, que realiza xornadas de até 9 e 10 horas baixo situacións de estrés, e ten que estar de garda de luns a venres durante todo o ano.

Entre as reivindicacións das e dos traballadores está a de reforzar o cadro de traballadoras e os recursos materiais para evitar situacións como que o propio persoal teña que coidar dos e das menores cando declara unha maltratada, así como a falta de salas coa ventilación e a intimidade necesarias para as vítimas.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/seguimento-total-no-inicio-da-folga-polo-colapso-xulgados-violencia-muller-vigo/20151214135330043281.html


© 2020 Nós Diario