Seguimento “case total” na primeira xornada de folga na factoría viguesa de Citroën

O persoal secundou de maneira masiva o chamamento de CIG, CUT e CCOO de non acudir voluntariamente a traballar este sábado. Os sindicatos xa rexistraron unha nova convocatoria de folga para o próximo día 15 de xullo.

PSA en Vigo (Nós Diario)
photo_camera Vista da factoría viguesa de Citroën [Foto:citronoticias]

A empresa non respeitou o descanso mínimo obrigatorio de doce horas entre xornadas de traballo

Malia que a convocatoria era informal, a xornada de folga impulsada por CIG, CUT e CCOO en Citroën chamando ao persoal a non traballar nas quendas voluntarias deste sábado 8 de xullo concluíu en éxito. O seguimento foi “case total”, segundo os sindicatos convocantes. Unicamente o persoal que estaba obrigado a traballar acudiu á factoría. O elevado seguimento da xornada de paro, provocou que as liñas de produción da factoría viguesa rexistrasen numerosas paradas e problemas de calidade. 

As centrais sindicais denuncian que a empresa procurou impedir o paro incorrendo en irregularidades. A máis grave, segundo sinalan, sería ter convocado para traballar na quenda de mañá a empregadas que remataran a anterior ás 22h da sexta feira o que impediu o preceptivo descanso mínimo de doce horas entre xornadas que fixa a normativa. Diante disto,  os sindicatos anunciaron que darán traslado desta infracción á Inspección de Traballo, enfatizando que afectou sobre todo a persoal eventual e con contratos precarios.

Esta xornada de paro inscríbese dentro da campaña de mobilizacións iniciada coa manifestación do pasado 1 de xullo, na que máis dun milleiro  de persoas exixiron “menos abusos, máis respeito” por parte da multinacional francesa, denunciando a crecente precariedade e o insuficiente número de contratacións.

Nova greve o sábado 15

O vindeiro sábado 15 de xullo realizarase unha nova greve, desta volta baixo a cobertura dunha convocatoria formal e legal, que foi rexistrada esta sexta feira por CIG, CUT e CCOO.  A greve atinxirá a todas as quendas e sistemas da factoría.  

O calendario de protestos podería estenderse ao longo de todo este mes de xullo (en agosto a factoría fecha por ferias) diante da negativa da dirección de PSA Peugeot Citroën de negociar coa representación sindical para poñer fin a situación de “abusivas cargas e ritmos de traballo”.  Arestora son 400 as traballadoras e os traballadores en situación de baixa, o 7% dun plantel de 5.500, e a empresa decidiu aumentar a cadencia de produción sen se produciren novas contratacións. Os sindicatos demandan que a empresa se someta a un AGA  (Acordo galego de solución extraxudicial de conflitos no traballo), para resolver os problemas derivados da falla de persoal na fábrica.

A maior empresa de Vigo

A factoría automobilística, sediada no polígono de Balaídos, é a principal empresa da cidade e da súa área de influencia. Na actualidade representa uns 5.500 postos de traballo directos, arredor da metade dos que chegou a ter antes da crise,  aos que se engaden outros 8 mil indirectos na industria auxiliar. O pasado ano 2016 das liñas de produción da cidade olívica saíron 424 mil vehículos. 

O próximo mes de setembro cumpriranse 60 anos da instalación de Citroën en Vigo. A primeira factoría da multinacional francesa no Estado español, produciu ao longo das últimas seis décadas 13 millóns de unidades de 32 modelos diferentes de vehículo. Na actualidade está inmersa no lanzamento industrial do proxecto K9, que suporá a fabricación de tres novos modelos de furgoneta a partir do próximo ano e dun cuarto modelo, o V20, en 2020.

Comentarios