Seguen as protestas nos EUA ao tempo que crecen as voces críticas con Trump

A fiscalía do Estado de Minnesota elevou os cargos contra os catro axentes implicados na morte  de George Floyd, que segundo a autopsia estaba contaxiado por coronavirus no momento do seu falecemento. Ademais, seis oficiais da Policía de Atlanta foron acusados de uso excesivo da forza contra dous manifestantes.
2020060414332692304
photo_camera Varios axentes da Policía estatal de Florida únense a un manifestante na localidade de Boca Ratón (Greg Lovett / dpa)

Manifestantes e axentes de Policía mantiveron enfrontamentos na cidade de Nova York, no marco da novena noite consecutiva de protestas nos EUA pola morte do cidadán negro George Floyd. Os choques iniciáronse no centro de Brooklyn, cando varios centos de manifestantes camiñaban cara á Praza Cadman, onde está situado o Palacio de Xustiza. A presenza policial obrigounos a deter a marcha, polo que algunhas das persoas decidiron dar a volta. Outro grupo menos numeroso separouse e rodeou un coche policial, dando comezo aos choques.

Un cento de persoas foron detidas esta noite en Nova York no marco das protestas, unha cifra menor á da xornada anterior, con 280 detencións. Con todo, de acordo co xefe do departamento de Policía da cidade, Terrance Monahan, a xornada foi relativamente pacífica e non se produciron saqueos. De feito non se disolveron as concentracións durante toda a madrugada, superada a hora de toque de queda.

Monahan salientou a diferenza entre as protestas pacíficas e as violentas, dicindo que apoiaba as primeiras: "Estamos aí fóra por unha causa xustificada, mais non coa xente que quere causar o caos na nosa cidade".

Asasinato en segundo grao

Tamén no resto de cidades dos Estados Unidos se rexistraron menos disturbios e menos arrestos. Houbo mobilizacións pacíficas en cidades como Atlanta, Washington, Seattle, Philadelphia, Saint Charles ou Los Angeles. O alcalde da cidade californiana, Eric Garcetti, dixo que levantaría o toque de queda que rexeu durante toda a semana. 

A tensión foi en aumento desde que se fixo público o vídeo en que George Floyd perdía a vida, provocando que 26 Estados dos 50 que hai nos EUA mobilizasen a Garda Nacional para conter os disturbios. O 25 de maio, Floyd, cidadán negro de 46 anos, morría mentres estaba a ser arrestado por utilizar un billete de 20 dólares supostamente falso. 

O axente da Policía Derek Chauvin reduciu coa axuda doutros dous compañeiros, mentres un cuarto observaba, a Floyd, que en ningún momento opuxo resistencia, de acordo coas imaxes que se teñen da detención. O primeiro exerceu presión durante case nove minutos cun xeonllo no pescozo da vítima, malia as advertencias deste pouco antes de morrer de que non podía respirar.

Nun primeiro momento, Chauvin foi acusado de asasinato en terceiro grao (un tipo de delito específico da lexislación de Minnesota que fai referencia a mortes "sen intención" por "actos eminentemente perigosos") e de homicidio imprudente en segundo grao. Nas últimas horas a fiscalía do Estado elevou a acusación a un delito de asasinato en segundo grao, que pode implicar cadea perpetua. Os tres outros axentes están acusados de complicidade por "instigar e asistir" na comisión dun asasinato en segundo grao.

A autopsia oficial confirmou que a morte se produciu polos feitos relatados. Nas últimas horas, tamén se coñeceu que George Floyd estaba contaxiado co coronavirus no momento da súa morte.

Por outra banda, seis axentes da Policía de Atlanta foron acusados de uso excesivo da forza durante o arresto de dous estudantes universitarios durante as protestas do sábado pasado. Un vídeo mostra os axentes rompendo as fiestras dun vehículo, sacando unha muller fóra do coche pola forza e usando unha pistola taser sobre un home.

Críticas internas a Trump

Ademais, a respecto da ameaza do presidente dos EUA, Donald Trump, de despregar o Exército para conter as protestas, o seu secretario de Defensa (ministro) dixo que non apoiaba a decisión. O seu antecesor no cargo, James Mattis, primeiro da era Trump e un dos xenerais máis condecorados, tamén criticou a idea do presidente nun artigo publicado en The Atlantic. 

Mattis, que presentou a súa dimisión en decembro de 2018 tras a decisión de Trump de retirar as tropas estadounidenses de Siria, definiu o mandatario como "o primeiro presidente que non tenta unir o pobo estadounidense. Nin sequera finxe tentalo. En cambio, trata de dividirnos", e engadiu: "Estamos a padecer as consecuencias de tres anos deste esforzo deliberado. Estamos a padecer as consecuencias de tres anos de falla de liderado adulto".

Preocupación dos diplomáticos

Na mesma semana en que a Policía dispersaba con pelotas de goma e gas pementa unha manifestación pacífica diante da Casa Branca, Mike Pompeo, secretario de Estado estadounidense (ministro de Exteriores e terceiro en xerarquía no Goberno tras o presidente e o vicepresidente), reuniuse nas últimas horas con superviventes das revoltas de Tiananmen, que onte fixeron 31 anos.

Neste sentido, relevantes membros da diplomacia dos EUA manifestaron a súa preocupación polos últimos eventos e pola imaxe que se está a proxectar ao mundo. Nancy McEldowney, ex embaixadora en Bulgaria, resumíao así na CNN: "Apoiamos aquelas protestas daquela [as de Tiananmen]. Apoiamos as protestas no Maidan en Ucraína; e en Teherán, e en Hong Kong. Mais como poderemos facer iso agora?".

Comentarios