Segue a lea no Estado español pola distribución da vacina e a súa aplicación

Piden reforzar a Atención Primaria no proceso de vacinación fronte á privatización.
Usuaria da residencia de maiores de Ayamonte recibe a primeira dose da vacina contra a Covid-19 (Concello de Ayamonte)
photo_camera Usuaria da residencia de maiores de Ayamonte recibe a primeira dose da vacina contra a Covid-19 (Foto: Concello de Ayamonte)

"Estamos en torno a 28% de vacinación do total de doses que se entregaron”, explicaba esta sexta feira a portavoz do Goberno español e ministra de Facenda María Jesús Montero, “cunha situación asimétrica dependendo das comunidades autónomas”, engadía.

A chegada e distribución do medicamento de Pfizer está a ser un dos elementos de discusión e queixa que entrou desde o inicio no campo político, ocultando a lenta aplicación en relacións as previsións que se teñen de conseguir a inmunidade de boa parte da poboación. 

Ao atraso da vacina hai que engadir algunhas irregularidades que están a ser investigadas, como o caso do acontecido nunha residencia madrileña que vacinou da Covid-19 a familiares de persoas usuarias e sacerdotes que se enfronta a unha sanción administrativa de entre 3.000 e 15.000 euros ou as queixas diante a decisión da Comunidade de Madrid de asinar un contrato privado coa Cruz Vermella para aplicar a vacina no seu territorio.

"Se non queren xestionar, que non se presenten ás eleccións e non gobernen", cargaba onte o secretario xeral de UXT, Pepe Álvarez contra o que considera "proceso de privatización" que se fai da propia vacinación. polo que exixe “unha vixilancia estrita" diante da "alta de capacidade de xestión dalgunhas administracións para facer fronte ás súas obrigas". 

A Atención Primaria

A previsión do Executivo español é de que a vacina chegue en seis meses a 70% da poboación, algo polo de agora moi lonxe de conseguirse co actual ritmo. Desde a Federación de Asociacións Científico Médicas Estatais (FACME) pídese nun comunicado ás autoridades sanitarias "estar á altura" do reto que está a supoñer a vacinación fronte ao mesmo que debería realizarse da maneira "máis rápida posíbel".

Para esta entidade "a demora na vacinación, xa sexa en días ou semanas, ten como consecuencia a prolongación da pandemia cos seus efectos sobre a saúde, sobre a mortalidade evitábel, o sistema sanitario e a economía". Sinalan á Atención Primaria como eixo fundamental da estratexia de vacinación "por estar dotada de profesionais cualificados e especializados na administración de calquera tipo de vacina, xa sexan infantís, estacionais ou epidémicas".

Por este motivo reclaman "o reforzamento das súas infraestruturas e de persoal, ampliando os días e os horarios de vacinación o máximo posíbel para optimizar o uso dos espazos dispoñíbeis" xa que "este virus non entende o concepto de horario ou de fin de semana e séguese diseminando de maneira continua entre a poboación", sentenza FACME en relación á non vacinación en días festivos.

Comentarios