Opinión

Seedorf tampouco resucita o Dépor no primeiro faiscazo

Se cabía o factor sorpresa co troco do adestrador, aparellado ó exotismo co nome do técnico finalmente elixido, estes diluíronse ás primeiras de cambio. No fútbol hai tempo no que os tópicos, as frases feitas, os ditos reditos, non gañan. Cando se invocaba aquilo de a adestrador novo vitoria segura soía dar resultados, pero no fútbol moderno xa non é así. Polo menos á primeira oportunidade. O trunfo non chegou e a imaxe dun equipo despeñándose cara o descenso volveu.  

Seedorf perdeu no seu debut e a afección baixou da nube coa mesma rapidez coa que subiu, se é que subiu de verdade, cando soubo do anuncio da fichaxe do holandés. Pero ollo, que o nome de Seedorf non impida ver a causa da derrota, que entronca directamente cos problemas detectados desde o inicio da tempada. Xa que logo, a derrota, unha vez máis non é cousa de quen dirixe, ou só de quen dirixe, senón de calidade, dos futbolistas escollidos para lograr os obxectivos marcados para este ano.

Que o nome de Seedorf non impida ver a causa da derrota, que entronca directamente cos problemas detectados desde o inicio da tempada

 

Por que non foi un problema de técnico a derrota? Como perdeu o Dépor ante o Betis? A resposta está na análise do gol encaixado, que responde aos cánones da temporada. Escasa contundencia no centro do campo para atallar unha xogada de ataque do rival, rápida intervención destes montando o contragolpe pola bandas coa ineficacia defensiva consabida para frear a embestida, e tralo pase centrado do balón sempre hai un erro defensivo que apaña un rival máis listo que manda o balón ó fondo da rede. A reiteración deste tipo de erros defensivos condenaron todo o ano e siguen a condenar ó Deportivo. Por iso, de novo, a conclusión é que se constata que desta xeira non hai problema de técnico, senón de cadro de futbolistas. Con estes mesmos futbolistas, observáronse tres estilos diferentes de entender o fútbol, tres técnicos diferentes, con tres formas de entender e explicar o fútbol e sempre os mesmos resultados.

O mercado de inverno tampouco serviu para apuntalar aquilo do que adoece o equipo. Falta de contundencia defensiva na zaga e no centro do campo, e iso que ante o Betis, o cadro de Seedorf xogou ó límite do reglamento mesmo xogándose a expulsión. O cadro de futbolistas precisaba e precisa dun pivote defensivo que reteña a pelota, a aguante, que a esconda nos momentos oportunos, e que o mova con acerto onde pode haber unha oportunidade para construír. Ese pivote que corte as accións dos rivais que pasen polo centro do campo, ou simplemente que teña oficio e colocación para que non logren pasar. Tamén precisa un xefe, un líder fiable, no centro da defensa, o que aportaría seguridade ó gardamallas e a toda a liña defensiva. Pero non chegaron ningunha das dúas pezas e os problemas continúan. Pero non todo é o problema estrutural, sendo este, un dos puntos fortes da febleza branco e azul. Quen organizou e confeccionou o equipo pensaba e pensa que coa calidade dos futbolistas contratados non se precisaba dese seguro defensivo. Cren que todo é un problema de rendemento dos homes, moi por debaixo do esperado. A teoría podería servir se a baixa rendibilidade fose de un, dous ou tres futbolistas. Pero o mal está insertado en todas as liñas.

Como perdeu o Dépor ante o Betis? A resposta está na análise do gol encaixado, que responde aos cánones da temporada

 

Un adestrador que sabe disto, Quique Setién, apuntou a clave do que lle pasa ao Dépor tras unha pregunta para Sermos Galicia de quen lles escribe: o Dépor é un equipo roto anímicamente. “O estado de ánimo deste equipo é moi baixo. Hai futbolistas que son moitísimos mellores do que están a amosar no campo. Pero que pasa? Que a situación actual supéraos. Queren dar o mellor de si mesmos; queren coordinarse; queren facer as cousas ben; pero a situación impídelles mostrar cómo son realmente sobre o céspede. Isto se se consegue mellorar… Ás veces hai un punto de inflexión, que cando tocas fondo xa podes tirar para adiante. Agora hai un novo adestrador e o primeiro pasa por recuperar os futbolistas que son bos, moi bos, pero que están fronte unha situación que pode con eles. O estado de ánimo é fundamental”. É a explicación técnica, de quen pode falar sen ataduras e sen morderse a lingua, do que sucede máis aló da configuración do equipo. Preguntado Seedorf sobre cómo se levanta o ánimo tras unha derrota, nun partido onde o Dépor tratou de esforzarse ó máximo, contesto: “xa está levantado”. En serio? 

En todo caso, Quique Setién apuntou a que o novo adestrador necesita tempo. Xa que logo, xa sabemos que Seedorf ten por diante un traballo máis de psicólogo que de técnico, polo menos incialmente. O reto pasa por saber cómo enganchar para o fútbol ó seu grupo, máis que de charlas sobre cómo sorprender con plantexamentos tácticos. Vai ser difícil que o holandés, pentacampión de Europa, implante un estilo de logo, co seu esquema preferido o 4-2-3-1, se antes non consegue reconectar ó cadro de futbolistas.

Un adestrador que sabe disto, Quique Setién, apuntou a clave do que lle pasa ao Dépor tras unha pregunta para Sermos Galicia de quen lles escribe: o Dépor é un equipo roto anímicamente.

 

A derrota foi inxusta. O Betis non fixo tanto como para saír vitorioso de Riazor. O equipo herculino tivo máis oportunidades e buscou a porta de Adán provocando os "uiiis" e os "ohhsss" na bancada. Rubén apenas tivo perigo real. Chapou dúas accións e no gol, ainda que o erro foi de Albentosa, chegou a tocar o balón coa bota para desviar o lanzamento fóra, pero a colocación do pé non lle axudou suficientemente. Pero o Dépor mandou dous tiros ó pau, Lucas non chegou polos pelos a un remate clarísimo, o coruñés deu unha asistencia de libro a Borges que esvarou riba do punto de penalti cando ía armar o disparo.

É certo que co equipo super ofensivo que sacou Seedorf pintaba a outro tipo de partido, máis aberto, pero a hora da verdade, e sen saber cómo influíu ó resto do partido a temperá lesión de Valverde, o Dépor foi un equipo metido no seu campo máis tempo do que a aliñación titular desprendía.

A dinámica negativa segue sendo perniciosa. O equipo vese máis en Segunda División que en Primeira. En Vitoria podería estar o punto de inflexión do que falou Setién sobre o Dépor. Dependendo da imaxe e do resultado podería propiciarse un clima para o rebote, ou para continuar directo ó descenso. A Seedorf quédalle moi pouco tempo para preparar este partido, onde o favorito é o Alavés, ao que lle veu moi ben a chegada do “Pitu” Abelardo. Habería que preguntarlle a Abelardo cómo fixo para levantar un equipo que hai dous meses estaba morto. Agora goza da resurrección e dá espectáculo. De aí que o partido do Dépor en Vitoria semella que vai ser moi duro de encaixar.  

   

Comentarios