Opinión

Seedorf, o temerario

Aínda hai tempo, pero cada vez menos. E o que menos importa xa é o tempo. O que importa é que o as trazas do equipo de Seedorf son as dun boxeador que está KO, que deambula polo cuadrilátero zombi esperando unha zoupada máis. Como queda moito que loitar, polo de agora, cada gol que recibe é coma un croché, que o único efecto que causa no equipo é o de seguir dando tombos, rebotando de corda en corda, dando a sensación de que está totalmente desorientado, zumbado, breado, sen darse conta de onde está, nin por qué está aí, nin cómo parar os golpes que lle dan, e o que é peor sen atopar unha forma de devolver unha puñada… O Dépor está atordado! 

O que está por ver é se esta sensación é definitiva, ou realmente hai algún Rocky metido dentro desa alma en pena na que se converteu o Dépor. Mentres queden partidos hai esperenza, pero costa crer nela porque tampouco axuda a dirección deportiva que leva o equipo.

Seedorf leva dúas aliñacións. O traballo xa non só se resume en dobres sesións de adestramentos. Os onces titulares de Seedorf son unha temeridade. É curioso o dato que estes  onces inocuos, inútiles e caóticos do holandés remataron os partidos cun só gol en contra. O dato, é unha impresión persoal, aínda que obxectivo non é fiable. Ademáis son onces que non ofrecen polo de agora ningún tipo de produtividade, o que confirma que por moitos dianteiros que se poñan non van chegar máis goles. O Dépor está sen gol e sen proxecto para saber marcar. Polo menos cun sentido que pareza razoable. 

Razoando sobre o calificativo de temerario, Seedorf semella estar tan perdido como a imaxe que transmiten sobre o terreo de xogo os seus futbolistas. Terceiro adestrador que manexa este equipo incapaz, ata agora, de ofrecer unha defensa competente e segura. Os xogadores non están ben ubicados. Seedorf converteu o Dépor nun estado anárquico sobre o campo. Se a idea é buscar vitorias desde a anarquía vai ser mellor que cambie urxentemente de idea. No fútbol o anarquismo é unha derrota segura. O Dépor perdeu o debuxo. Suspende en todas as liñas. E o máis alarmante: non pode cos calzóns.

O Dépor perdeu o debuxo. Suspende en todas as liñas. E o máis alarmante: non pode cos calzóns

 

O estado físico dos futbolistas é lamentable, o que explica claramente por que o Dépor é un equipo incapaz e incapacitado. Iso tamén nos devolve ó discurso apuntado por Quique Setién a semana pasada sobre o bloqueo anímico e mental de todo o grupo. Seedorf respondeu a iso que o ánimo xa estaba levantado. É evidente que non. O equipo está nun profundo estado de depresión.

Seedorf non coñece ó equipo. Non sabe os recursos que pode sacar dos seus futbolistas. Onde colocalos ou sacarlles o mellor partido. Está a facer, tecnicamente, un traballo horroroso. Sin ton nin son. O esperado efecto da súa chegada perdeuse coa primeira aliñación e os primeiros minutos do xogo dos seus. Moito teñen que cambiar as cousas, e sobre todo, moito ten que cambiar a filosofía do adestrador porque ten pinta de que, por moito que non o pretenda, que seguro que non o pretende, vai suicidar ó equipo. 

Do partido de Vitoria, aínda que todo o mundo fale do gran disparo de Munir, dous apuntes que facer. Krohn-Delhi quedou totalmente retratado nesa xogada. Munir dislocoulle a cadeira ó dinamarqués. Guilherme chega tarde por detrás e a defensa non soubo sair a tempo a bloquear o seu gran tiro a porta. A segunda cuestión ten que ver con Rubén. Na xogada do gol, estaba un par de pasos adiantado. Cunha mellor colocación, por tanto é un erro técnico, o disparo era parable. A conclusión sobre esto último é que o equipo branco e azul non ten baixo os paus un porteiro que salve partidos. Cumpre un papel discreto tirando a escaso. As accións de Rubén non suman puntos e tampouco evita a fuga deles.

Munir dislocoulle a cadeira ó dinamarqués. Guilherme chega tarde por detrás e a defensa non soubo sair a tempo a bloquear o seu gran tiro a porta

 

Di Pedro Mosquera que o vindeiro partido en Riazor é unha final. É certo. É unha final. Unha ocasión para que o Dépor demostre que por moi zumbado que estea aínda ten algún gancho co que sorprender para agarrarse á unha remontada na que ningúen cre xa a estas alturas, malia que quede calendario para defenderse.

Estamos a ver cómo todos os equipos semellan ter certo estímulo á loita que acompañan con tímidas respostas de recuperación e capacidade para a reacción. Todos menos o Dépor que vai caendo, caendo, caendo sen que se vexa que vaia atopar a argola que active o paracaídas para frear o inevitable choque coa realidade. O descenso á Segunda División.

Comentarios