Catalunya

Secundar as marchas, instalar a 'app' e evitar a violencia, prioridades do Tsunami Democrático

O movemento social de protesta contra a sentenza do Tribunal Supremo no xuízo ás e aos líderes do 'procès' fixo público un comunicado nesta cuarta feira, 16 de outubro, día en que o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, ten previsto reunirse con PP, Cidadáns e UP para analizar a situación actual.

manifestacion-sentenza
photo_camera A pasada terza feira, Tsunami Democrático logrou paralizar o Aeroporto de Barcelona

O Tsunami Democrático publicou na súa conta do Twitter ás 12.00 horas desta cuarta feira, 16 de outubro, un comunicado no que estabelece as tres prioridades para os vindeiros días na dinámica de protestas coordinadas contra a sentenza do Tribunal Supremo no xuízo ás e aos líderes do procès.

tsunami-comunicado2

A primeira, explican, é garantir o éxito da Marcha da Liberdade, da folga desta sexta feira, 18 de outubro, e da manifestación unitaria do 26 de outubro. A segunda, instalar antes dese día a aplicación móbil da plataforma no maior número de teléfonos móbiles. Esta app tan só pode ser activada de contar cun código QR, que só se pode conseguir, individual e persoalmente, doutra persoa que xa o teña previamente. A terceira prioridade é "evitar, en calquera acción, que alguén poida promover a violencia ou transformar a acción en actos violentos", malia a "brutalidade policial nestes días".

O Tsunami Democrático fixo público este comunicado no día en que o presidente en funcións do Goberno español, Pedro Sánchez, ten previsto reunirse cos líderes de PP, Cidadáns e UP. Sánchez sinalou na súa conta do Twitter que lles trasladará a súa "determinación de garantir a seguridade con firmeza e proporcionalidade" en Catalunya, tras os disturbios vividos nesta pasada terza feira, 15 de outubro.

O Tsunami Democrático é unha iniciativa que foi presentada nas redes sociais, xurdida da sociedade civil e coa complicidade de partidos e entidades independentistas. O obxectivo é dar unha resposta, baseada na loita non violenta e na desobediencia civil, á sentenza emitida polo Tribunal Supremo español sobre o xuízo contra o procès.

Comentarios