O sector do leite teme que o prezo baixe dos 0,28 euros por litro

A forte caída que están a experimentar  produtos como o queixo e a manteiga no mercado internacional pode pasarlles factura ás produtoras de leite galegas en forma de novas baixadas de prezos. 
Gandeiro nunha explotación leiteira (Arxina).
photo_camera Gandeiro nunha explotación leiteira (Arxina).

O prezo do leite galego dista moito do doutros territorios. Co que cobran polo produto, as produtoras galegas non teñen nin para cubrir os custos. Esta situación pode verse agravada de confirmarse as previsións das expertas, que apuntan un prezo medio para o leite en Europa por baixo dos 0,28 euros por litro.

A forte caída do prezo de produtos como o queixo e a manteiga no mercado internacional, sumado a unha previsíbel caída da demanda, fan que os futuros do leite se sitúen no entorno de 0,278 euros por litro na Unión Europea, unha situación que agravaría aínda máis a crise de prezos que padece o mercado galego.

Para o profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Bernardo Valdés, "é bastante posíbel que así sexa". En declaracións a Nós Diario, o experto na materia destaca que produtos como a manteiga, que nos últimos anos conseguira manterse a un nivel de prezos alto, están "afundíndose a un ritmo tremendo". Isto vai acabar repercutindo na Galiza. De feito, lembra que o prezo nos contratos que se están a asinar "cada vez depende máis da cotización destes produtos básicos". 

Pero aplicar esas baixadas na Galiza, engade, "vai ter unha xustificación difícil", xa que de aquí saen outro tipo de produtos de maior calidade e que nunca chegan aos mercados internacionais, xa que o Estado español é deficitario en leite. Pero se a crise económica se mantén, cre que a baixada de prezos vai ser "inevitábel". 

O seu compañeiro na USC, Edelmiro López Iglesias, engade un factor máis. Nese escenario será fundamental a forza de negociación das produtoras. O problema é que no actual sistema é difícil determinar se a firma de novos contratos é unha negociación ou unha imposición por parte das industrias lácteas. En todo caso, o tamén profesor de Economía Aplicada ve a situación de partida "moi desigual."

A visión dos sindicatos

Os sindicatos tamén temen que se produza unha baixada nos prezos do leite. Desde a Federación Rural Galega (Fruga), Elías Somoza recoñece que "coa desorde total que hai no sector lácteo todo é posíbel". Aínda así, non pensa que o volume de produción se vaia ver afectado.

Neste senso, exixe ao Goberno español que empece a aplicar a lei da cadea alimentaria, que impide vender por baixo dos prezos de produción. "Se esta situación se dá (a da baixada de prezos) será porque o Ministerio non está a facer o seu labor", sinala.

Isabel Vilalba, do Sindicato Labrego Galego (SLG), opina que a dinámica na política leiteira europea de orientación aos mercados internacionais "coloca o sector nunha situación de vulnerabilidade". As consecuencias, apunta, xa se puideron comprobar no tempo do embargo a Rusia ou cando Nova Zelandia incrementou de xeito excesivo a súa produción.

O SLG defende a soberanía alimentaria. É por iso que considera que a Unión Europea "debería ter como máxima o abastecemento alimentario da súa poboación, e non fixarse tanto nas exportacións" que, opina, deberían facerse con criterios de comercio xusto.

Na liña do que comentan os expertos económicos, Vilalba recoñece que as industrias galegas teñen moi pouco peso no mercado internacional, xa que a súa produción maioritaria é o brick para o mercado español. "Os prezos a nivel galego non soben á mesma velocidade que baixan cando o fan os mercados internacionais", denuncia.

Mesa do leite

No que coinciden tanto expertas como sindicatos é na necesidade de convocar a Mesa do Leite, algo que non acontece con moita frecuencia nos gobernos de Alberto Núñez Feixoo. "Para que queremos unha organización de produtores lácteos na Galiza se o Goberno non é capaz de sentar as partes?", inquire Somoza. "Non viría mal que se retomase a mesa do leite para tratar todas estas cuestións e anticiparse ao que poida vir", engade. 

O profesor Bernardo Valdés apunta como medidas para mitigar o impacto da caída de prezos a reactivación das negociación entre industrias e produtores na mesa do leite e a fixación dunha fórmula efectiva para estabelecer os prezos e os custos de produción. Outra medida máis encamiñada a mellorar a relación calidade-prezo podería ser a aposta na produción forraxeira propia. 

Vilalba coincide con estas propostas e engade a necesidade dunha "actuación contundente" da Administración contra o leite foráneo e máis implicación da Xunta se detecta dificultades na saída do produto e tome "cartas no asunto" se alguén intenta sacar proveito desta situación.

Comentarios