Mobilización en Compostela para pedir medidas urxentes

O sector do espectáculo declárase en 'alerta vermella'

Persoal técnico do mundo da música e dos eventos artísticos reivindica o seu papel e a necesidade de os gobernos lles presten axuda ante a crise provocada pola Covid-19.
tesgal
photo_camera As persoas que fan o traballo técnico queren visibilizar o seu traballo.

O mundo do espectáculo e dos eventos mobilizouse onte en Compostela e en Vigo para reivindicar medidas urxentes, por parte dos gobernos, de cara a “garantir a supervivencia do sector” ante a crise que provocan a actual situación sanitaria e "as restricións normativas referidas ás medidas de seguridade e á redución da capacidade das salas" para acoller o público. 

Tesgal (Asociación Sindical de Profesionais Técnicos do Espectáculo) e Amproega (Asociación de Músicos e Profesionais do Espectáculo da Galiza) foron os promotores desta iniciativa que tinguiu de negro e encheu de flight cases (caixas de embalaxe para o material técnico) a praza do Obradoiro, en Compostela. A mobilización convocada na rúa García Barbón, en Vigo, tivo que suspenderse por mor do mal tempo.

Baixo o lema Alerta Vermella, únense artistas, músicas, técnicos e técnicas de escena, de son, de iluminación e persoas propietarias de salas de concertos, espectáculos e eventos. E todas elas asumen as 14 reivindicacións chave do seu manifesto, onde tamén se recalca que o sector supón 3,8% do PIB (Produto Interior Bruto) do Estado español e arredor de 700.000 postos de traballo.

O manifesto, no que se pide a adopción de medidas económicas e sociais para o sector, os espazos e as persoas traballadoras, tanto por conta allea como autónomas, puntualízase que a actividade se viu “afectada pola Covid-19, mesmo antes de ser declarado o estado de alarma” e por iso exixen “a reactivación das axendas culturais das administracións”.

Así mesmo, instan o Goberno a “tomar medidas nas próximas semanas, que garantan a supervivencia do sector” pero tamén ven precisa “a creación, de forma inmediata, dunha mesa sectorial que defina as necesidades concretas, afectadas pola temporalidade e a intermitencia da actividade”. A negociación dun convenio colectivo tamén está recollida entre as reivindicacións das traballadoras do mundo do espectáculo.

“Trátase dun sector moi heteroxéneo e fragmentado”, dise deste a organización, “coa característica esencial da transversalidade e da dependencia doutros sectores, como o da cultura, o do deporte ou o do turismo”.

Estas circunstancias provocan, segundo se recolle no manifesto “unha fraxilidade estrutural e unha inseguridade xurídica alarmante” para as persoas traballadoras do sector. Todo isto, aseguran, “faise agora máis patente que nunca e demanda un esforzo complexo que require unha regulamentación específica e adaptada ás especiais circunstancias nas que se desenvolve actividade” por mor da Covid-19.

Desde a asociación Músicas ao Vivo, que se sumou ás reivindicacións, destacan que “os eventos culturais son lugares seguros e así o demostramos durante todo o verán, onde non houbo nin un só gromo xurdido dun concerto ou dun espectáculo”. Así mesmo, falan da necesidade de que “as restricións da capacidade das salas e dos locais de eventos non sexan totalmente esaxeradas até rozar o ridículo, con auditorios de até 1.000 butacas e un máximo de 60 persoas de público”.

Moitas persoas do mundo da música quixeron unirse á reivindicación a través das súas redes sociais. Foi o caso de Uxía, que recolleu no seu Facebook un vídeo no que explicaba que “nos últimos seis meses houbo moi pouco volume de traballo e a capacidade dos locais viuse moi limitada”. Por esta situación de crise vía necesario “facer visíbel a moita xente do medio que non se ve, pero sen a que non poderiamos traballar”.

Mobilizacións en dous actos para visibilizar a crise

Un cemiterio de flight case abriu a xornada de reivindicación ás 15 horas. A intencionalidade, di Tesgal, "representar a morte do sector se non se aplican medidas axeitadas". E desde ás 19.30, en Vigo, e unha hora máis tarde en Compostela, as manifestantes ocuparon os lugares de encontro seguindo estritas medidas de seguridade, como a obriga de hixienizar as mans con xel hidroalcólico no acceso, respectar o distanciamento de seguridade de 1,5 metros e a dirección da marcha. 

 

Comentarios