O sector da carne mobilizarase contra os recortes nas axudas

A Consellaría de Medio Rural deixou fóra o 75% das explotacións que solicitaron a liña de axudas  destinadas ás razas autóctonas de produción extensiva. 

Cachena
photo_camera [Cachenas nunha explotación extensiva]

Non só a frota do cerco denuncia as decisións da Consellaría de Medio Rural. Para alén dos cerqueiros, tamén o sector da carne se mobilizará contra os recortes nas liñas de axuda que a Xunta de Galiza viña adxudicando ás explotacións de razas autóctonas en réxime de produción extensiva. Neste senso, vense atinxidas as produtoras de rubia galega, unha das máis numerosas do país. 

E é que a área de Rosa Quintana vén de dar a coñecer a resolución das axudas solicitadas en 2012. Do total de produtoras e produtores que presentaron a documentación para accederen aos fondos que o goberno galego disponibiliza para este sector, o 75% das solicitudes foron rexeitadas. Desde a Federación Rural Galega convocan unha mobilización o 18 de marzo perante o edificio da Xunta en Lugo no que consideran é a última "machada" do executivo de Núñez Feijóo. Asemade, anuncian que recorrerán a resolución da Consellaría pois, din, "as explotacións afectadas si cumpriron coas súas obrigas". 

Fuga e BNG organizan unhas xornadas sobre a PAC este sábado en Lalín

Esta liña de axudas --destinada ás explotación de carne-- foran creadas polo goberno bipartito en 2008 e o seu obxectivo era fomentar a produción de razas autóctonas (como a cachena) en réximes extensivos. Unha medida que visa dar cumprimento ás políticas recomendadas pola UE a prol da produción de alimentos "sans e de calidade", lembran desde a Fruga. 

Recortes nun sector en crise

Porén, xa en 2011 o 45% a Xunta de Alberto Núñez Feijóo reduciu nun 45% a cantidade total destinada ás produtoras e produtores. Unha axuda que 154 euros ao ano por animal reprodutor. No entanto, foi na convocatoria de 2012 --que vén de se resolver este ano-- a que sofre un maior retallamento. Decisión que deixa fóra da resolución o 75% das solicitudes presentadas. 

A decisión da Xunta deixa fóra das axudas a boa parte das explotacións de rubia galega, as máis numerosas do país

Desde a Fruga advirten de que o recorte suporá a exclusión das axudas a boa parte dun sector que dá traballo a máis de 9.000 familias no noso país, principalmente na provincia de Lugo. Así é que, para alén de desenvolveren asembleas informativas, a organización agraria convoca unha primeira mobilización á que din, agardan se sumen "outros axentes" para faceren "máis forza e exixir unha corrección". 

Destarte, subliñan que a perda desta pequena axuda vén a se sumar a unha situación crítica no sector da carne, atinxido pola "constante suba dos custes de produción", "o conxelamento dos prezos" en orixe, ou a "non renovación do Contrato de Explotación Sustentábel". 

Comentarios