O sector da automoción pide medidas para evitar outro "caso Nissan"

Os territorios con factorías do sector da automoción tecen unha alianza para reivindicar o apoio do Goberno español e evitar outra situación como a de Nissan. Na Galiza os sindicatos aseguran que a situación é de tranquilidade e que os problemas veñen polas condicións laborais coa maior parte das auxiliares aínda en ERTE.  
Planta do Grupo PSA en Vigo (Arquivo).
photo_camera Planta do Grupo PSA en Vigo (Arquivo).

PSA-Citröen semella quedar á marxe, polo de agora, da convulsa situación industrial galega que corre parella aos cambios acelerados pola crise provocada pola pandemia e a inevitábel recesión económica. O sector da automoción toma nota do que acontece con Nissan e o seu anuncio de abandonar as factorías en Catalunya. A empresa nipona deixa 3.200 persoas desempregadas directas e 20.000 nas auxiliares. Isto alertou Administracións e sindicatos. 

Movemento nos territorios con automoción

Responsábeis de Industria dos Gobernos da Galiza, Euskal Herria, Castela e León, Nafarroa, Aragón, Catalunya e País Valencià mantiveron onte unha xuntanza telemática na que se tratou o tema do futuro da automoción e a actual situación para poñer sobra a mesa do Goberno español unha serie de medidas que eviten escenarios de difícil solución. 

Segundo explica o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, nese  encontro acordouse solicitar ao Estado a creación dun marco de diálogo no que se definan novas medidas de apoio á automoción. A idea é estabelecer unha estratexia conxunta "para trasladar medidas concretas ao Goberno español que favorezan a competitividade e o desenvolvemento do sector no país nestes momentos de incerteza". 

Entre as accións concretas que propoñen está a de incrementar a demanda e o consumo, mais tamén a competitividade da automoción a través da Investigación e Desenvolvemento (I+D) e das novas tecnoloxías. "Pedimos que se adopten actuacións coordinadas que dean resposta ás necesidades desta importante industria", subliñou Conde. 

Tranquilidade en Vigo

"Non hai indicio para que haxa alarma", explica a Nós Diario Victor Ledo, secretario xeral de Industria de CCOO. Apunta que os modelos que se fabrican na factoría de Vigo "véndense moi ben". Aínda así cre que falta confirmar que chegará o modelo 2008 eléctrico "con moi boas expectativas de venda para 2023".

Da mesma opinión é María Xosé García, responsábel de automoción da CIG. "Todos sabiamos que Nissan tarde ou cedo tiña que marchar, mandaban os motores para Francia", relata a Nós Diario, "PSA-Citröen en Vigo é un caso diferente por ser a fábrica máis produtiva que ten a compañía", engade. 

Ambos sindicatos amosan cautela aínda que recoñecen que agora mesmo os problemas máis graves están no naval e na industria electrointensiva. 

PSA-Citröen, un caso diferente a Nissan

A situación actual de Nissan en Catalunya é moi diferente á de PSA-Citröen en Vigo. A primeira sufriu unha importante retirada de carga de traballo e catro anos seguidos de caída de beneficios. Tamén hai que sumarlle varias multas ao CO2 e unha redistribución xeográfica da alianza.

En Vigo a multinacional francesa tería dificultades para trasladar toda a súa produción, a maior de vehículos da marca. Entre os modelos que saen desa factoría figuran as furgonetas Berlingo (Citroën), Combo (Opel), e Proace Verso (Toyota), o Citroën C4 Spacetourer e os Peugeot 301 e 2008. Ademais conta con dúas factorías máis no Estado, unha en Madrid e outra en Figueruelas (Zaragoza).

As axudas non son unha solución

"Axudas sempre houbo e PSA-Citröen sempre optou a levar as mellores", sinala María Xosé García. A sindicalista cre que as subvencións non son o mellor método para que unha empresa continúe e sexa viábel. "Temos o caso de Alcoa que recibiu millóns de euros e agora quere fechar". Por este motivo desconfía que desde as administracións non fagan ben as cousas como, afirma, acontece na actualidade. "O problema é que non hai control das mesmas", explica, "hai empresas que teñen axudas e montan logo as factorías en Portugal que lles abarata o chan", engade. 

Ledo asegura que a patronal da automoción no Estado español está moi interesada en captar as axudas que por valor de 77.000 millóns de euros chegarán da Unión Europea. "A relación do conselleiro de Industria con PSA-Citröen é moi estreita e é lóxico que tiren por ese lado", entende. 

As peticións de axudas para o sector da automoción non xurdiron como consecuencia da crise económica provocada pola pandemia. Segundo García "cada ano hai ameazas de que PSA-Citröen marcha". Asegura que "sempre" hai un punto de alarma para tensionar as negociacións "sexa coas administracións ou co cadro de persoal". Explica que “primeiro foi Portugal, logo Marrocos e agora fálase da propia Francia polas decisións que está a tomar o seu Goberno". 

En todo caso a maior preocupación dos sindicatos en relación á factoría viguesa e as súas auxiliares é a situación das traballadoras e traballadores. "As auxiliares seguen en expediente de regulación de emprego a maioría", relatan desde a central nacionalista, "aínda que se están a incorporar pouco a pouco ao traballo", engade.  

Comentarios