Opinión

Se isto é un home

Primo Levi foi quen lle outorgou outro sentido ás palabras de Theodor Adorno sobre a poesía. A reformulación do sobrevivente dos campos de extermino nazi é entón a seguinte: “Despois de Auschwitz non se pode facer poesía máis ca sobre Auschwitz”.

De aí que os, como el cualifica, actos contrahumanos perpetrados, polo odio provocado, neste caso, polo supremacismo ario, fiquen fóra de calquera racionalidade. Mais é aquí onde radica a plena dimensión e actualidade das súas palabras: “Se comprender é imposible, coñecer é necesario, porque o sucedido pode volver ocorrer, as consciencias poden ser, de novo, seducidas e ofuscadas: até mesmo as nosas”.

Velaquí, xa que logo, o fundamento ético e estético dun texto literario que é tanto relato da máxima barbarie coma alerta crítica sobre o perigo extremo contra a humanidade a que pode conducir o totalitarismo manipulador das conciencias.

A fineza literaria deste creador xudeu determina que a súa perspectiva se arrede, a mantenta, do papel de xuíz e se limite a ser testemuña. Como el, con clareza, indica: “teño que dar testemuño sobre as cousas que sufrín e vin. Os meus libros non son libros de historia: ao escribilos limiteime rigorosamente a dar conta dos feitos dos que tiña experiencia directa”.

Non son estas, logo, palabras que interpreten ou analicen o paroxismo do delirio da destrución. Téñase presente, por exemplo, que na época da súa estadía no Lager, en agosto de 1944, en Auschwitz chegáronse a exterminar 24.000 persoas nun só día.

O lectorado galego ten agora a oportunidade de se achegar a esta obra, que debera ser indispensábel en calquera biblioteca. E, dende logo, de lectura cando menos recomendábel dende a adolescencia.

A súa funcionalidade é, nesta dimensión, transcendente. Para ser testemuño fiel da experiencia padecida. Para combater o esquecemento. Para acalar o fraude intelectual ou o revisionismo histórico, de intención manipuladora e, ao cabo, xustificativa do xenocidio.

O lectorado galego ten agora a oportunidade de se achegar a esta obra, que debera ser indispensábel en calquera biblioteca. E, dende logo, de lectura cando menos recomendábel dende a adolescencia.

A tradución dende o orixinal é obra de Xoán Manuel Garrido Vilariño, quen, asemade defendeu a tese Traducir a Literatura do Holocausto. O acto de traducir representara, por certo, para Levi, o único intre, durante a súa estadía no campo de exterminio, en que fora quen de se sentir aínda humano. De aí o empeño por el levado a cabo naquelas circunstancias críticas en verquer ao italiano os versos do canto de Ulises da Divina Comedia.

Amais deste imprescindíbel material, aínda arriquece a edición galega un tan útil como valioso apéndice que inclúe as respostas do autor nado en Turín a interrogantes relacionados coa materia tratada. E inclúese, asemade, no remate da obra, un epílogo do tradutor verbo da figura do creador piamontés, responsábel doutros significativos títulos sobre o holocausto, caso de Os afundidos e os salvados.

Este inmorredoiro edificio de palabras, agora postas no noso idioma, non só serve para deixar constancia da crueldade e da aniquilación, senón tamén do escarnio e menosprezo inflixido ao ser humano, evidente xa no propio sistema de exterminio masivo escollido: cámaras con gas velenoso empregado como desinfectante.

Mais é na propia linguaxe onde se amosan os límites e carencias para expresar o inefábel. Dunha banda invócase á necesidade de creación dunha linguaxe nova e áspera para dar conta do acontecido no campo de aniquilación. Mais o que, en definitiva, se recoñece é que “a nosa lingua carece de palabras para expresar esta ofensa á destrución dun home”.

Comentarios