Opinión

Saúde e xénero

É neutra a ciencia? Por suposto, o método científico como tal non ten nesgos de xénero, pero como toda actividade humana, si os teñen as persoas que o aplican. Nas ciencias da saúde, ademais, isto vólvese particularmente evidente, e en ocasións incluso perigoso.

As mulleres sofren discriminación en todos os ámbitos, e a atención á saúde non é unha excepción. Ante un mesmo síntoma, as mulleres teñen menos posibilidades de que se lles practiquen exploracións complementarias que os homes, e do mesmo xeito é menos probable que se lles propoña un ingreso hospitalario. Aínda que as mulleres empregan “mellor” os servizos sanitarios (acoden antes, e preferentemente a Atención Primaria, ao contrario que os homes, que empregan máis as urxencias e os servizos especializados, e en estados máis avanzados das doenzas) son percibidas como máis queixosas, inespecíficas nas súas demandas e menos fiables ao referir síntomas.

Por outra banda, outro nesgo é a tendencia a considerar “típica” aquela presentación dos trastornos propia do sexo masculino, o que fai que as doenzas das mulleres pasen máis desapercibidas ou sexan diagnosticadas máis tardiamente. Un exemplo clásico son os síntomas propios do infarto de miocardio: a presentación considerada como “típica” (dor centro-torácica e irradiada ao brazo esquerdo) só é típica nos homes, aparecendo con moita máis frecuencia nas mulleres como dor ou malestar na boca do estómago. Polo tanto, é máis probable que un infarto pase desapercibido se o sofre unha muller que se o padece un home.

Por último, tamén é máis probable que o malestar que relatan as mulleres sexa atribuído a causas psíquicas. Queixas habituais como cansazo, náuseas ou dor de cabeza serán máis frecuentemente descartadas con diagnósticos de ansiedade ou depresión, mentres que se os refire un home, é máis probable que se lle realicen análises ou probas de imaxe, á busca dunha causa orgánica.

As eivas da ciencia soluciónanse con máis ciencia. Non é posible eliminar todos os nesgos, pero coñecelos e comprender como se producen pode axudarnos a facer mellor ciencia e padecer menos prexuízos.

Comentarios