Sardeña marca o camiño da loita en Alcoa

As protestas levadas a cabo en 2014 polos traballadores e traballadoras da planta que Alcoa tiña na localidade italiana de Portovesme (Sardeña) serviron para que o Goberno do país transalpino decidise intervir a empresa e garantir así a continuidade dos postos de traballo e da fundición de aluminio.
Traballadores de Alcoa na protesta de Foz (Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Traballadores de Alcoa na protesta de Foz (Carlos Castro / Europa Press).

Esta fin de semana, milleiros de persoas mobilizáronse polas rúas de Foz para reclamar unha solución que permita manter a produción e os postos de traballo da fábrica de Alcoa-San Cibrao no concello de Cervo.

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan volveu pedir "que non se nos paren as cubas, porque nos matarían o corazón da fábrica". Para evitalo, volveu poñer sobre a mesa "unha intervención a dous anos" por parte do Goberno central ou mesmo da Xunta, ligada a un plan enerxético "estábel" que asegure a súa viabilidade.

"É moi sinxelo. A Unión Europea permite, para empresas que non coticen en bolsa, unha intervención até sete anos e até seis as que si coticen. Nós nin sequera pedimos iso, cremos que cun ano ou dous chega", sinala Zan.

A solución que propoñen desde o comité non é nova, nin tan sequera para Alcoa. O exemplo máis próximo está na illa italiana de Sardeña. Alí, en 2012, a multinacional norteamericana anunciou o feche da planta de fundición de Portovesme. O feche consumouse dous anos máis tarde, pero as protestas dos traballadores e traballadoras da fundición lograron que finalmente o Goberno italiano decidise tomar cartas no asunto. 

En 2015, chegou a un acordo con Alcoa para adiar un ano o desmantelamento da planta, o que permitiu preparar o terreo para a chegada da empresa suíza Sider Alloys da man de Invitalia, unha axencia dependente do Ministerio de Economía do país transalpino similar ao que no Estado español representa a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI).

A lección italiana

O Goberno italiano asinou con esta firma un contrato de desenvolvemento que permitía á nova propietaria financiar os seus investimentos, condicións competitivas de acceso á enerxía (como reclaman desde a industria electrointensiva) cun contrato bilateral por dez anos baseado nun sistema de interrompibilidade.

Na nova sociedade, Invitalia contaba cunha participación de 20% e os traballadores con outro 5% a través dunha sociedade creada para tal fin. 

O caso de Portovesme pon de manifesto que a posibilidade de que o Goberno español interveña a factoría non só é posíbel cunha adquisición a prezo de mercado, senón que tamén pode levar aparellada un compromiso de investimento público para a modernización da factoría e a creación de novas infraestruturas co visto bo das autoridades de competencia europeas, que xustifican a súa intervención na necesidade de reactivar unha zona economicamente deprimida ─o feche de Alcoa sería un duro golpe para toda a comarca da Mariña─, mais tamén no carácter estratéxico da produción de aluminio para a economía italiana.

O papel de Alcoa

O exemplo italiano menciónase no informe elaborado a petición da CIG en 2018 polo profesor de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña (UDC), Carlos Aymerich, sobre a adquisición pública das factorías de Alcoa na Coruña e Avilés, agora en mans do Grupo Industrial Riesgo e o fondo suízo Parter. 

Finalmente, Alcoa apostou na venda das factorías a Parter e non se consumou a entrada do Estado español no capital da sociedade resultante. 

No caso italiano, a multinacional norteamericana cedeu a empresa a Invitalia para a súa posterior venda a un terceiro, pero tamén comprometeu 20 millóns de euros, a colaboración técnica para o reinicio da actividade e a formación dos traballadores, a subministración de alúmina e un plan para a recuperación de acuíferos, que de aplicarse no caso de Cervo podería incluír a recuperación medioambiental da enorme balsa de lodos a carón da factoría. 

O resultado é que a día de hoxe a planta de Portovesme segue activa e Italia benefíciase dobremente da súa aposta nesta industria. E as boas novas seguiron chegando após a intervención. A comezos do pasado ano, Sider Alloys, o grupo suízo que se fixo con 75% da antiga planta de Alcoa, anunciou un acordo co maior produtor de aluminio da China para investir 135 millóns de euros, entre outras cuestións para a modernización das cubas de electrólise e a contratación duns 500 traballadores.  

Desde o comité de Alcoa en Cervo creen que a intervención permitiría "unha marxe de tempo para pór un prezo enerxético estábel" que permita á multinacional "competir co resto de países de Europa". Ademais, apunta Zan, o Goberno español, ao igual que no caso italiano, podería "manter un tanto por cento das accións" da empresa para entrar no seu Consello de Administración e "opinar" sobre os investimentos a realizar.

Comentarios